A conselleira de Política Social recolleu hoxe este galardón en Madrid

Fabiola García afirma que o premio do Cermi estatal ás políticas de discapacidade da Xunta “recoñece os avances de Galicia cara a unha sociedade máis xusta”

O Cermi pon en valor a capacidade do Goberno galego de “dialogar e cogobernar coa sociedade civil”

Durante os últimos anos Galicia duplicou o seu orzamento destinado á discapacidade ata chegar aos 126 millóns de euros e creou máis de 1000 prazas en residencias e centros de día

O 93% dos nenos con necesidades especiais acudindo a aulas ordinarias e, para o resto, unha educación especial de máxima calidade

Progresouse cara á plena inclusión laboral das persoas con discapacidade, para que poida sumar e realizarse tanto na empresa como no sector público

Madrid, 29 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, afirmou que o premio concedido polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) ás políticas de discapacidade da Xunta “recoñece os avances de Galicia cara unha sociedade máis xusta”. Así o manifestou durante o acto de recollida deste galardón en Madrid que distingue ao Goberno galego na categoría de Mellor Acción Autonómica a nivel nacional.

Fabiola García apuntou que as persoas con discapacidade e as súas familias merecen que as súas necesidades sexan escoitadas, que a súa realidade se normalice e que toda a sociedade se involucre na súa integración. Por iso, destacou que o Goberno galego seguirá loitando para que a nosa Comunidade siga avanzando na procura destes obxectivos.

Con este galardón, o Cermi recoñece “o alcance e vigor” das políticas de inclusión das persoas con discapacidade realizadas polo Goberno galego. O xurado tamén puxo en valor da Consellería a súa “capacidade de diálogo e a cogobernanza coa sociedade civil” no desenvolvemento destas políticas.

Galicia avanza en discapacidade

A conselleira concretou que durante os últimos anos en Galicia lográronse melloras importantes na vida das persoas con discapacidade. Como exemplo sinalou que a Xunta duplicou o orzamento destinado á discapacidade ata os 126 millóns de euros e creou máis de 1000 novas prazas en residencias e centros de día.

Ademais, tamén logrou consolidar un dos sistemas educativos máis integrados de España, co 93% dos nenos con necesidades especiais acudindo a aulas ordinarias e, para o resto, unha educación especial da máxima calidade. Tamén se progresou cara á plena inclusión laboral das persoas con discapacidade, para que poida sumar e realizarse tanto na empresa como no sector público.

Imaxes relacionadas