O proxecto "A Ruta Norte, camiñando ao cabo do mundo" impulsado no programa "O Teu Xacobeo" mostra nunha webserie a universalidade desta ruta

Gonzalo Trenor participou na presentación do documental de 16 episodios que narra un camiño cheo de aprendizaxes e novas amizades

A Coruña, 28 de xuño de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta tarde na presentación do documental webserie "A Ruta Norte, camiñando ao cabo do mundo", que narra a aventura tal e como sucede, sen guión, de Jorge coa súa mochila e a súa cámara recorrendo o Camiño da Costa Norte que remata en Fisterra.

A serie ten un contido transmedia do século XXI, que se lanzará primeiro en Youtube e Facebook e posteriormente nas webs dos patrocinadores. E onde, neste caso, decidiuse viaxar co mínimo equipo técnico e humano posible para así non desvirtuar a esencia dunha peregrinación íntima e sosegada. O protagonista mostra un camiño cheo de aprendizaxes e novas amizades, porque nisto consiste a peregrinaxe a Compostela.

Trenor recalcou que nesta webserie poderemos descubrir á xente de Galicia e a súa paisaxe, o seu patrimonio e a súa gastronomía que están preparados para que o turista e o visitante que o desexe poida vivir intensamente Galicia. Unha iniciativa que non fai senón poñer en valor o contexto universal do Camiño neste Ano Santo tan particular.

Esta iniciativa contou cun apoio de máis de 12.000 euros de "O teu Xacobeo", que suma máis de 400 propostas socioculturais nas que a Xunta de Galicia está a investir preto de 8 millóns de euros co obxectivo de facer desta celebración do Xacobeo 2021-20212 a celebración máis viva, segura, integradora, ampla e diversa posible.

 

Imaxes relacionadas