A Xunta licita as obras de substitución da cuberta do CAPD de Redondela, ás que se destinarán máis de 500.000 euros

Os traballos enmárcanse no conxunto de actuacións de mellora previstas para este ano nos distintos centros de servizos sociais da Comunidade

Realizarase a renovación de todos os caleiros e baixantes do edificio, a impermeabilización da terraza e a aplicación dun sistema de illamento térmico, entre outras medidas
 

Redondela (Pontevedra), 28 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe, durante unha visita ao Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela, a licitación das obras de substitución da cuberta desta instalación, para as que o Goberno galego investirá máis de 500.000 euros.

A conselleira sinalou que esta obra se enmarca no conxunto de actuacións previstas pola Xunta de Galicia para levar a cabo ao longo deste ano nos distintos centros de servizos sociais da Comunidade para mellorar a atención e a comodidade dos usuarios. No ámbito da discapacidade, ademais do que se vai executar nas instalacións de Redondela están proxectadas obras nos CAPD da Coruña e tamén no de Sarria, cun investimento total de preto de catro millóns de euros.

A obra que se vai a realizar no concello pontevedrés recolle a substitución da cuberta e de todos os caleiros e baixantes do edificio, así como a impermeabilización da terraza do centro ou a aplicación dun sistema de illamento térmico, entre outras medidas.

Imaxes relacionadas