A Xunta conclúe a tramitación ambiental da nova EDAR de Foz promovida por Augas de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considera que o anteproxecto de conducións xerais e da depuradora do concello lucense é ambientalmente viable

Co fin de axilizar a licitación da redacción do proxecto construtivo e a execución das obras, que suporán un investimento de máis de 12,2 M€, o pasado 15 de xuño Augas de Galicia solicitoulle ao Concello a documentación municipal necesaria para impulsar a infraestrutura

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia acaba de finalizar a tramitación ambiental do anteproxecto de conducións xerais e da nova EDAR de Foz, que deste xeito poderá seguir coa súa tramitación administrativa.

Segundo a declaración de impacto ambiental (DIA) formulada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a actuación considérase ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental do proxecto, unha serie de condicións sinaladas na propia DIA.

Así e tras o anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, esta declaración remitiráselle agora ao órgano substantivo no marco do procedemento de aprobación e autorización administrativa do devandito proxecto, promovido pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade a través de Augas de Galicia.

Dáse por rematada así a tramitación ambiental do anteproxecto por parte da Xunta e avánzase un paso máis de cara a poder executar canto antes unha actuación moi necesaria para o concello de Foz desde o punto de vista do saneamento.

Neste sentido, cómpre subliñar que o proxecto da nova estación depuradora de augas residuais xorde como solución ás deficiencias que presenta nestes momentos a rede de saneamento municipal, cunha estación depuradora situada no núcleo urbano e insuficiente para os caudais xerados xa que a súa capacidade é inferior á necesaria para tratar a carga afluente, particularmente en época estival.

Cómpre lembrar que o pasado 15 de xuño Augas de Galicia lle solicitou ao Concello de Foz a documentación necesaria para impulsar a nova depuradora municipal, unha vez emitida a declaración de impacto ambiental das actuacións proxectadas pola entidade hidráulica da Xunta, declaración que hoxe publica o DOG.

Deste xeito, a Xunta trata de axilizar a licitación da redacción do proxecto construtivo e a execución das obras da nova depuradora de Foz, para o que é preciso o cumprimento por parte do Concello da súa parte de tramitación no impulso destas actuacións: aprobar o proxecto en Pleno, poñer os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións.

No marco do convenio de colaboración asinado co Concello para a execución de actuacións de saneamento e depuración de Foz, Augas de Galicia redactou o anteproxecto de conducións xerais e nova estación depuradora de augas residuais do municipio, que suporá un investimento estimado que superará os 12,2 millóns de euros.