Política Social reforza o programa de atención prenatal cun incremento do 40% na súa achega, que ascende a 42.000 euros

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, supervisou esta mañá o bo funcionamento desta iniciativa

Posto en marcha en 2017 pola Consellería de Política Social a través da Fundación Meniños, axuda a crear un contexto de coidado e benestar para as mulleres embarazadas

Ademais desta iniciativa, o Goberno galego colabora con esta entidade na elaboración de outros programas como o de Intervención Familiar (PIF) e o de Adopcións Especiais

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, comprobou hoxe o bo funcionamento do programa Prenatal que desenvolve a Fundación Meniños en colaboración coa Xunta de Galicia. O Goberno Galego achegará máis de 42.000 este ano para axudar a crear un contexto de coidado e benestar para as mulleres embarazadas. Esta cifra supón un incremento dun 40% respecto á de 2020 grazas ás axudas derivadas da convocatoria do IRPF.

Este programa, posto en marcha no ano 2017, ten como obxectivo rebaixar o nivel de estrés e facilitar a creación de condicións prenatais e posparto axeitadas. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica destacou que desde o comezo desta actividade os participantes non deixaron de aumentar, o que demostra unha gran e boa acollida. Ademais, tamén puxo en valor este tipo de iniciativas que apoian ás mulleres embarazadas, pero tamén aos seus compañeiros ou persoas significativas nas que se detecte algún factor de risco.

Este non é o único programa no que a Xunta de Galicia colabora coa Fundación Meniños, que xestiona, así mesmo, o Programa de Intervención Familiar (PIF), que ofrece unha intervención educativa, terapéutica e asistencial nos núcleos familiares de referencia e ao que a o Goberno galego achegou no último ano máis de 655.000 euros. Ademais, o programa de Adopcións Especiais ofrece asesoramento e formación específica aos solicitantes de adopción, así como seguimento e apoio continuado durante todo o proceso adoptivo. O Goberno galego destinará 61.000 estes ano a este obxectivo.

Imaxes relacionadas