O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, clausurou esta mañá en Abegondo a xornada “Ecocomedores da Biosfera”

A Xunta aposta polo fomento dos alimentos ecolóxicos de proximidade e de tempada nos comedores escolares

O obxectivo é educar aos nenos no consumo destes produtos, en prol da súa conciencia medioambiental e da lealdade co seu territorio

A Consellería do Medio Rural potencia o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, a través dun programa específico para o reparto destes alimentos nos comedores galegos

Os selos de calidade, especialmente a agricultura ecolóxica, teñen cada día máis peso na rendibilidade das producións e son claves na actual demanda dos consumidores

Abegondo (A Coruña), 28 de xuño de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, clausurou esta mañá no concello de Abegondo a xornada “Ecocomedores da Biosfera: ferramenta para o cambio social e mitigar o cambio climático”, organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos. Alí, o director xeral destacou que a Xunta aposta por fomentar o uso de alimentos ecolóxicos de proximidade e de tempada nos comedores escolares, co fin de educar aos nenos no consumo destes produtos, en prol da súa conciencia medioambiental e da lealdade co seu territorio.
Así, José Balseiros apuntou que esta xornada puxo de manifesto a necesidade inaprazable de acadar un equilibrio entre as necesidades da sociedade e o medio ambiente, co fin de loitar entre todos contra o cambio climático. “O respecto ao planeta non é unha moda, senón unha necesidade evidente para a pervivencia das futuras xeracións”, apuntou o director xeral.
Precisamente, a Consellería potencia o consumo de froita e leite entre os nenos e a mocidade, a través dun programa específico para o reparto destes produtos. Deste xeito, miles de alumnos galegos de infantil, primaria e secundaria obrigatoria consomen froita e leite cada ano nos centros onde estudan grazas a estas axudas que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). A distribución de froitas frescas, castañas e leite fanse entre os meses de novembro e febreiro e de marzo a xuño do seguinte ano. A convocatoria para o curso 2020-2021 contou cun orzamento superior aos 1,5 millóns de euros, financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).
Finalmente, o representante da Consellería do Medio Rural lembrou que os selos de calidade, especialmente a agricultura ecolóxica, teñen cada día máis peso na rendibilidade das producións e son claves na actual demanda dos consumidores. Nesta liña, José Balseiros asegurou que o fomento destas producións redunda nun equilibrio entre sociedade e medio ambiente, apostando pola sustentabilidade das explotacións e dos mercados locais e favorecendo a economía da zona.

Imaxes relacionadas