A Xunta inviste máis de 468.000€ na substitución da cuberta e na renovación das fachadas dos IES Rafael Dieste na Coruña para adaptalo ao Plan de nova arquitectura pedagóxica

Gonzalo Trenor explicou que as obras previstas suporán un salto de calidade no confort para o alumnado e máis eficiencia desde o punto de vista enerxético

Este investimento únese ao millón de euros comprometido para catro centros educativos da cidade para a mellora dos seus edificios e aos 600.000 para seguir avanzando na mellora do IES Eusebio da Garda
 

A Coruña, 28 de xuño de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou nunha visita ao IES Rafael Dieste da Coruña, que a Xunta de Galicia vai acometer a substitución da cuberta e a renovación das fachadas norte e sur deste centro educativo cun investimento de máis de 468.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. A actuación ten un prazo de execución de tres meses e licítase hoxe mesmo na plataforma de contratos da Xunta.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, mantivo unha reunión co equipo directivo para informar da licitación da actuación que se vai levar a cabo. O proxecto propón a substitución da cuberta existente, instalando un novo lucernario que evite a entrada de auga ao interior e garanta a estanqueidade da cuberta. Así como dar solución mediante unha serie de actuacións puntuais nas fachadas norte e sur do centro, encamiñadas a solucionar tamén problemas de infiltracións de aire e auga, así como de humidades. Con esta actuación melloraranse as condicións de confort interior dos usuarios do centro.

A actuación contempla polo tanto a substitución de toda a cuberta do volume principal do centro e o illamento puntual do plano exterior das súas fachadas menores (norte e sur) mediante a execución dun illamento exterior continuo (sistema SATE), ademais da substitución das carpinterías existentes sobre estas mesmas fachadas.

Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento.

Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas.

Este investimento únese as obras xa licitadas recentemente de renovación de cubertas de tres colexios e un instituto da cidade da Coruña, nos que a Xunta investirá máis dun millón de euros. Os centros beneficiados son os CEIPs Plurilingüe Alborada, Salgado Torres e Plurilingüe San Pedro de Visma, así como o IES Plurilingüe Elviña. Ademais, a Xunta investirá no IES Eusebio da Garda outros 600.000€ que unido ás partidas xa comprometidas e executadas eleva o investimento neste centro educativo da cidade a 2 millóns de euros.


Infraestruturas ao servizo dos retos educativos

Trenor lembrou que a Xunta ten “a obriga e a responsabilidade de coidar a máximo os centros educativos, xa que é o lugar onde os nosos fillos pasan a meirande parte do seu tempo, e non só para a adquisición de coñecementos, senón onde interactúan cos seus compañeiros, onde xogan e onde aprenden a socializar”.

Neste senso, sinalou a importancia de que todas as novas actuacións en infraestruturas escolares –ben sexan de nova construción ou ampliacións e reformas– fagan especial fincapé no deseño de espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Isto é, “un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptados a calquera circunstancia, equipados e cómodos”, incidiu o delegado da Xunta.

Así, a nova arquitectura educativa institucional vai reforzar os colexios na transformación dixital (con polos creativos e espazos maker, entre outros), na aposta pola inclusión (con espazos máis amplos e saudables, que garantan a accesibilidade e a inclusión de todos os seus usuarios), e no especial deseño de patios e pistas multideporte, máis sostibles desde o punto de vista medioambiental, e integrados na contorna onde se inxiren.
 

Imaxes relacionadas