A Xunta destaca as oportunidades de mellora competitiva que ofrece a dixitalización ao sector hostaleiro galego

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitou esta mañá en Santiago o hotel A Tafona do Peregrino, do cal salientou a súa adaptación ás novas tecnoloxías como xeradoras de novas oportunidades ante a crise da covid-19

O Goberno galego abrirá proximamente unha nova edición do programa de axudas Cheque Dixital para promover a dixitalización de autónomos e pemes galegas

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2021

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, puxo en valor esta mañá as oportunidades que a dixitalización ofrece ao sector hostaleiro galego ante o actual escenario creado pola covid-19. Fíxoo durante unha visita en Santiago de Compostela ao hotel A Tafona do Peregrino, o cal puxo como exemplo desta adaptación.
A través da liña de apoios do Cheque Dixital impulsada pola Xunta de Galicia, a empresa compostelá ten instalado melloras nos sistemas de control e habilitado mecanismos vinculados co teletraballo. Así mesmo, grazas tamén ao programa autonómico de axudas Galicia Exporta Dixital, ao cal se poden presentar solicitudes de apoio ata este mércores 30 de xuño, o hotel está a promover un proxecto de internacionalización vinculado á venta directa en novos mercados europeos emisores de turismo cara Galicia.
"A Tafona do Peregrino é un bo exemplo do traballo que está a desenvolver o sector hostaleiro galego na súa dixitalización por mor da pandemia; un proceso no que queremos seguir ao seu carón e que pode servir de exemplo para outras empresas galegas", subliñou Guldrís.
Neste sentido, a Xunta abrirá proximamente unha nova edición do Cheque Dixital co obxectivo de promover a dixitalización de autónomos e pemes galegas. Esta liña de axudas suma un investimento de 4 millóns de euros, cubrindo desde a habilitación de sistemas de control de aforo ou de normas de calidade da covid-19, ata outro tipo de melloras como a aposta por mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación en móbil, a automatización de procesos regulados, ou a aplicación de solucións de conectividade e teletraballo ou relativas á ciberseguridade.
Trátase dun dos programas que está a impulsar o Goberno galego, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, na súa aposta pola dixitalización do tecido empresarial da Comunidade. Cabe recordar, ademais, outras liñas como as axudas á dixitalización Industria 4.0 ou o propio Galicia Exporta Dixital, así como o programa para impulsar a modernización e a innovación no comercio galego.

Imaxes relacionadas