A Xunta vén de aprobar 2,15 millóns de euros en axudas a 66 asociacións de defensa sanitaria gandeiras

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas concedidas pola Consellería do Medio Rural a estas entidades ao abeiro da convocatoria do 2021

Os orzamentos permitirán a estas entidades abordar o control de determinadas enfermidades animais que non adoitan ser obxecto de programas a nivel nacional

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas concedidas pola Consellería do Medio Rural ao abeiro da Orde de axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ASDG) de Galicia para o período 2021-2022. Así, 66 entidades foron as beneficiarias destas achegas, que suman un total de 2,15 millóns de euros.
Estas asociacións son as encargadas de desenvolver os programas de prevención e control de enfermidades dos animais nas explotacións gandeiras por medio de programas de zoosanitarios, tarefas ás que van destinadas precisamente estas axudas. Os orzamentos permitirán a estas entidades abordar o control de determinadas enfermidades animais que non adoitan ser obxecto de programas a nivel nacional, a excepción da rinotraqueite bovina infecciosa (IBR), xa que foi establecido un programa nacional voluntario por parte do Estado en setembro do 2019.
Precisamente os gastos subvencionables son aqueles derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios para a realización dos programas zoosanitarios, así como da compra de material funxible como luvas, calzas, tubos de extracción e agullas. A execución destes programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo do 2021 e o 28 de febreiro do 2022.
Deste xeito, a Consellería do Medio Rural reafirma a súa implicación cos gandeiros para mellora do status sanitario das explotacións galegas, algo que xa leva facendo dende o 2003, colaborando no financiamento das actividades destas entidades por medio dunha orde anual de axudas.
Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210628/AnuncioG0426-170621-0002_gl.html

Imaxes relacionadas