O 061 de Galicia asistiu a 56 persoas por 40 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 25 de xuño ata as 23,59 horas do domingo, 27 de xuño, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 47 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 28 de xuño de 2021. Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 56 persoas debido a 40 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 25 de xuño, ata as 23,59 horas do domingo, 27 de xuño. O día que rexistrou máis incidentes foi o venres con 15 sinistros.
A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 47 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 40 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 56 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 61% e do 39% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 36% dos atendidos tiña entre 35 e 49 anos.
Por provincias, Pontevedra foi a que máis sinistros rexistrou con 16 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Provincia
Accidentes

A Coruña

14
Lugo
3
Ourense
7
Pontevedra
16
Galicia
40

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 55. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en sete accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 43 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes.
En 46 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en nove ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.
 

Imaxes relacionadas