A Xunta reafirma o seu compromiso coa raza autóctona Can de Palleiro

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse co Club da Raza Can de Palleiro

A Consellería do Medio Rural renovou o convenio de colaboración que xa mantiña co Club dende 2017

O orzamento aprobado para este novo acordo ascende a 60.000 euros, o triplo que o outorgado no convenio anterior

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse co Club da Raza Can de Palleiro para o impulso desta raza autóctona. Precisamente, a Consellería do Medio Rural xa mantén un convenio de colaboración co club dende o 2017, que decidiu renovar este mesmo ano co fin de consolidar a raza.
Grazas ao apoio da Xunta, o censo desta raza autóctona aumentou case nun 92% nos últimos catro anos co incremento tanto do número de criadores como do número de exemplares inscritos no libro xenealóxico. Así, actualmente contabilízanse 1.775 animais da raza Can de Palleiro, fronte aos 925 rexistrados no 2017.
A renovación deste convenio trae consigo un aumento no orzamento achegado ao club que ascende aos 60.000 euros para os próximos catro anos, o triplo que o outorgado no acordo anterior. Deste xeito, a entidade recibirá o importe fixado de 15.000 euros para cada unha das anualidades de 2021, 2022, 2023 e 2024.
O Club da Raza Can de Palleiro, constituído no 2002, é a única asociación recoñecida oficialmente pola Xunta para colaborar no programa de recuperación desta raza autóctona e para a xestión do seu libro xenealóxico. Esta seguirá desenvolvendo actividades de promoción, fomento e difusión desta raza por medio da axuda concedida.
Así, a Xunta segue a apostar pola recuperación e conservación das razas autóctonas galegas en perigo de extinción. No caso concreto da raza Can de Palleiro, cómpre destacar o seu interese zootécnico como can de pastor, de campaña e de garda do gando, así como o seu valor xenético vinculado á nosa comunidade.
Ao mesmo tempo, o Can de Palleiro como raza autóctona representa un patrimonio natural, cultural e social para toda a nosa comunidade. Ademais, as súas características morfolóxicas e de estabilidade psíquica, permitirían que puidese chegar a desenvolver funcións tales como a de guía, policía ou apoio en catástrofes.

Imaxes relacionadas