A Xunta celebra o IV Encontro de Deseño para a Innovación co foco no reto climático, a transformación dixital, a competitividade empresarial e o benestar social

O evento terá lugar o vindeiro martes 29 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Deseño Industrial, e levarase a cabo de maneira presencial-virtual no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol

Está destinado a profesionais, estudantes, empresas e organizacións de deseño e contará coa participación de expertos relacionados coa economía creativa, a iniciativa New European Bauhaus e a relación entre o deseño e a sustentabilidade

Unha moto eléctrica de tres rodas, iluminación biodinámica e un robot de acompañamento persoal son as propostas galegas que protagonizarán o encontro

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2021

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de innovación (Gain), organiza o vindeiro martes 29 de xuño a cuarta edición do seu Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, que volve ao CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) en formato mixto, presencial-virtual, para conmemorar o Día Mundial do Deseño Industrial.
O evento busca seguir abrindo canles de contacto e colaboración entre os profesionais do deseño e as empresas galegas, especialmente as pemes. Nesta edición ponse o foco no papel dos procesos creativos na innovación sobre catro áreas estratéxicas como son o reto climático, a transformación dixital, a competitividade empresarial e o benestar social.
Os asistentes terán ocasión de coñecer a visión de varios grupos de expertos sobre a transición cara á economía creativa, a iniciativa New European Bauhaus e o posicionamento de Galicia como referencia sustentable, transformadora e diferencial. Nelas participarán expertos como os deseñadores estratéxicos Alberto Barreiro e Manuel Vázquez, o deseñador gráfico e industrial Federico Duarte e a directora de sustentabilidade de Ikea España, Mónica Chao.
Ademais, poderanse ver varios proxectos de innovación aberta participados ou liderados por empresas galegas nos que o deseño é o elemento clave para lograr produtos ecoeficientes e ligados á innovación responsable: Eezon (unha moto eléctrica de tres rodas deseñada polo grupo Marsan), Circadionic (unha iluminación intelixente desenvolvida por Setga que se adapta ao ciclo vital das persoas) e Netv3a (o robot de acompañamento persoal de Atendo Calidad).
A cita está aberta a profesionais do deseño de todas as disciplinas (industrial, gráfico, de produto, organizacional, dixital e multimedia), estudantes desta especialidade e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación e competitividade nas súas organizacións.
A inscrición para a asistencia presencial estará aberta ata completar o aforo permitido con base nas restricións sanitarias e o evento poderá seguirse tamén en streaming. Para calquera das dúas modalidades será necesario rexistrarse a través da web de Gain.