A Xunta adxudica as obras de eliminación do tapón urbanístico da rúa Fisterra de Lugo coa fin de mellorar a seguridade viaria na zona

Os traballos, adxudicados por máis de 48.000 euros, comezarán o vindeiro mes de xullo e teñen un prazo de execución estimado de 3 meses

Homoxeneizarase o ancho da estrada autonómica LU-114, corrixindo o estreitamento na marxe dereita da calzada, no punto quilométrico 1+100

Ampliarase a plataforma para albergar un carril de circulación, unha beirarrúa de continuidade ao itinerario peonil e unha banda de aparcadoiro de 2,5 m de ancho
 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de eliminación do tapón urbanístico da rúa Fisterra de Lugo, coa fin de mellorar a seguridade viaria na zona.
O contrato foi adxudicado á empresa Urbaconsa Lugo, por máis de 48.000 euros. Os traballos comezarán o vindeiro mes de xullo, toda vez que o pasado o 14 de abril formalizáronse as actas de ocupación, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos dunha superficie de 80 m². Esta franxa de expropiación foi delimitada atendendo á liña reflectida no Plan xeral de ordenación municipal vixente.
A intervención impulsada na estrada autonómica LU-114 ten un prazo estimado de execución de 3 meses e busca solucionar o estreitamento da calzada mediante a mellora e ensanche na marxe dereita da vía no punto quilométrico 1+100.
Segundo o proxecto de construción, as obras consistirán no ensanche e mellora deste punto, corrixindo o estreitamente na contorna. Para iso, levarase a cabo a ampliación da plataforma para albergar un carril de circulación, unha beirarrúa de 1,75 metros de ancho na marxe dereita que dea continuidade ao itinerario peonil e unha banda de aparcadoiro de 2,5 metros de ancho.
Os traballos incluirán a demolición das edificacións e instalacións existentes, así como o muro de contención. Construirase, durante a execución das obras, un muro para contención de terras cunha altura máxima de 2 metros e un novo peche para a parte da finca non expropiada.
Como actuacións complementarias, reporase o servizo de abastecemento, así como a rede eléctrica e de telefonía.