A Xunta destaca a oportunidade que os fondos Next Generation supoñen para impulsar unha mobilidade sostible

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro de traballo por vía telemática con representantes de Faconauto e Anfac

Galicia conta na súa candidatura aos fondos europeos con 32 propostas no eido da mobilidade que poderían alcanzar 1800M€ de investimento público-privado

O Goberno galego activará nas próximas semanas o programa Moves III, con axudas de ata 7000 euros pola compra dun vehículo eléctrico

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana, por vía telemática, unha reunión de traballo con representantes de Faconauto e Anfac para avaliar a situación do sector da automoción en Galicia e posibles medidas para apoiar a súa reactivación e promover unha mobilidade máis sostible.
Así, coincidiron en subliñar a oportunidade que os fondos europeos Next Generation supoñen para avanzar neste ámbito. Galicia conta, na súa candidatura, cun total de 32 proxectos que poderían mobilizar 1800M€ de investimento público-privado. Iniciativas destinadas á automoción, aos portos, á loxística e tamén ás estacións de servizo e puntos de recarga.
Tanto a Xunta como Faconauto e Anfac coincidiron na necesidade de que exista unha maior implicación do Goberno central con esta industria estratéxica para Galicia.
O Goberno autonómico segue a solicitar a modificación da planificación de REE para 2021-2026 e incluír a construción da subestación eléctrica de Balaídos que se recollía na planificación anterior.
Conde trasladou o compromiso da Xunta co sector da automoción. O Goberno galego leva destinado máis de 200M€ desde 2009 en ámbitos como a formación, a innovación –con programas como Fábrica Intelixente, as Unidades Mixtas de Investigación ou a aceleradora Business Factory Auto–, o financiamento ou distintos programas para promover a renovación do parque móbil e a mobilidade eléctrica. Neste sentido, nas próximas semanas convocarase o programa Moves III (22,7M€, dos que a metade se destinarán á instalación de puntos de recarga), con axudas de ata 7000 euros pola compra dun vehículo eléctrico e de ata 5000 por un híbrido enchufable (en ambos os dous casos, co achatarramento dun coche antigo).
O vicepresidente económico avogou por seguir traballando desde a colaboración para avanzar na mobilidade sustentable e que Galicia poida ser un referente neste eido como xa o é na automoción. Un sector que en 2020 alcanzou os 24.980 traballadores (un 2,5% máis que o ano anterior); cuxa facturación superou por primeira vez os 10.000M€ e que exportou un 16% máis que en 2019 ata alcanzar os 7265M€, posibilitando que o 22,2% dos vehículos producidos en España saísen das factorías galegas.

Imaxes relacionadas