A Xunta dota con 300.000 euros as subvencións para a fase de desenvolvemento de proxectos audiovisuais

Increméntanse nun 15% os fondos para impulsar os traballos de preprodución de filmes e series para cinema e televisión cara á súa rodaxe nos vindeiros anos

O DOG publica esta convocatoria, para a que o prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 26 de xullo
 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria das subvencións da Xunta para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega, que incrementan a súa dotación ata os 300.000 euros, cifra que supón un 15% máis que a outorgada en 2020. Esta contía destínase aos diferentes traballos que teñen lugar na fase de preprodución das películas e series galegas para cinema e televisión cara á súa produción e rodaxe nos vindeiros anos.
Deste xeito, a Xunta acompaña economicamente as empresas galegas do sector xa desde a fase inicial de preparación dos seus novos proxectos, que nos anos seguintes poderán optar así mesmo ás subvencións autonómicas para produción e coprodución audiovisual e para a súa difusión en foros de negocio e festivais, ademais de a outros fondos estatais e europeos.
A convocatoria, aberta ata o vindeiro 26 de xullo, establece catro modalidades: longametraxes, series e miniseries de ficción, longas cinematográficas e series de animación, documentais para ambos medios e proxectos piloto de programas televisivos con formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.
Cada empresa solicitante pode resultar beneficiaria nun máximo de dúas propostas, incrementándose a intensidade da subvención do 75 ao 100%, con axudas de ata 20.000 euros no caso de proxectos de preparación de longametraxes cinematográficas e series de ficción e de animación, e de ata 10.000 euros en longas documentais, películas para televisión e pilotos de programas. Deste xeito, facilítase que as produtoras asuman o proceso de desenvolvemento de varios proxectos á vez nunhas condicións óptimas e cunha gran calidade.
O ano pasado resultaron adxudicatarios 15 proxectos, dos que oito materializaranse en longametraxes de ficción, catro en documentais, dous en longas de animación e un en miniserie televisiva. Atópanse entre eles os futuros traballos de directores como Xacio Baño, Ruth Chao, Fon Cortizo, Lucía Dapena, Eloy Enciso, Anxos Fazáns, Juan Galiñanes, Andrés Goteira, Sandra Sánchez ou Ángel Santos.

Imaxes relacionadas