A Xunta adxudica a construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-300 no concello de Ribadumia

Os traballos, adxudicados por case 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo estimado de 2 meses

Trátase de mellorar a seguridade viaria dos peóns, coa construción dun itinerario na marxe dereita da vía autonómica, que actualmente carece de zona de circulación independente do tráfico rodado

O itinerario terá un ancho mínimo de 1,8 metros, con bordos, e contará cunha varanda de protección no extremo

Na zona contigua á senda, aproveitando a franxa existente entre esta e a actual calzada, dispoñerase tamén unha zona de aparcamento

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-300, ao seu paso polo concello de Ribadumia.
O contrato foi adxudicado á empresa Arines Obras y Proyectos, SL, por case 48.000 euros. Os traballos comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de 2 meses.
Trátase de mellorar a seguridade viaria dos peóns coa construción dun itinerario na marxe dereita desta estrada autonómica, entre os puntos quilométricos. 4+700 – 4+815, que actualmente non conta con zona de circulación independente do tráfico rodado.
As obras consistirán na execución dunha senda, cun ancho mínimo de 1,80 metros, de formigón terrizo, que disporá de bordos elevados 10 centímetros con respecto á calzada.
Nas zonas onde actualmente existe firme ou beiravía, realizarase a escavación ata a profundidade necesaria para a posterior execución da zona peonil. E no extremo máis exterior, a senda apoiarase sobre o muro de perpiaño existente, e para protexer de posibles caídas, colocarase unha varanda de protección.
Na zona contigua á senda proxectada, aproveitando a franxa existente entre esta e a actual calzada, dispoñerase tamén unha zona de aparcamento.
Nas obras, ademais, incluirase a execución dunha canalización subterránea e sumidoiros e pozos de rexistro que permitan a evacuación óptima da auga da plataforma e da propia zona de circulación peonil.