A Xunta certifica a excelencia do Club Náutico de Boiro a través do selo Galicia Calidade

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións para facer o izado da bandeira que acredita esta marca de garantía

Galicia conta con 14 destas instalacións certificadas, o que permite que a Comunidade sexa referente neste ámbito, cunha oferta turística variada, segura e de calidade
 

Boiro (A Coruña), 26 de xuño do 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións do Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz, para facer o tradicional izado da bandeira de Galicia Calidade co que se dá inicio á tempada de verán.
Con esta distinción as instalacións convértense en embaixadoras da Comunidade e recoñécese a súa localización, equipamento e a excelencia dos seus servizos. Na actualidade, xa son 14 os clubs náuticos galegos certificados con esta marca de garantía. Ademais do de Boiro, contan co distintivo de calidade o Nauta Sanxenxo, Club Náutico de Sada, Club Náutico Ría de Ares, Club Náutico de Portonovo, Real Club Náutico de Ribadeo, Real Club Náutico de Vigo, Real Club Náutico de Portosín, Real Club Náutico de Sanxenxo, Real Club Náutico de La Coruña, Club Náutico Deportivo de Ribeira, Club Náutico San Vicente do Mar, Real Club Náutico de Rodeira (Cangas) e Monte Real Club de Yates de Baiona.
Conde destacou que este tipo de instalacións son un referente para o turismo lúdico e deportivo e que fan de Galicia un importante destino náutico. Neste sentido, tamén cómpre destacar que, se aos clubs náuticos galegos se suman hoteis, restaurantes e casas rurais, un total de 52 establecementos turísticos están amparados baixo o selo Galicia Calidade.
O vicepresidente económico subliñou que estas instalacións completan a oferta variada e de calidade posta a disposición dos turistas e, tras lembrar que se trata dun dos sectores máis afectados pola pandemia, incidiu en que a Xunta traballa por promover Galicia como un destino seguro e de calidade.

Imaxes relacionadas