‘O país das bandas’ percorrerá Galicia cun cento de concertos de 77 agrupacións dentro do Xacobeo 21-22

A Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares promoven esta extensa programación, que se desenvolverá entre os meses de xullo e setembro coa participación de máis de 3600 músicos

Román Rodríguez destaca o papel das bandas como “grandes depositarias da tradición musical galega, protectoras e gardiáns do noso legado inmaterial”

O programa busca acelerar a recuperación da actividade bandística na nosa Comunidade no marco do Plan de Reactivación da Cultura, que impulsará máis de 3000 actividades durante este verán
 

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2021

A Cidade da Cultura foi hoxe o escenario da presentación do programa O país das bandas, promovido pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares co obxectivo de servir de motor para a recuperación da actividade bandística na nosa Comunidade. Con tal fin, deseñouse un calendario de preto de cen concertos a cargo de 77 agrupacións, que percorrerán Galicia entre os meses de xullo e setembro no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu este acto, para o que se contou coa actuación da Banda Artística de Merza e no que participaron, así mesmo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Iván Estévez.
Na súa intervención, o titular de Cultura incidiu na firme aposta da Xunta por iniciativas que permitan a progresiva reactivación cultural, especialmente naqueles ámbitos máis prexudicados pola pandemia. É o caso das bandas de música populares, que o conselleiro definiu como “as grandes depositarias da tradición musical galega, protectoras e gardiáns do noso legado inmaterial”.
9M€ a prol da cultura
Trátase, ademais, dunha das iniciativas incluídas Plan de Reactivación da Cultura deseñado pola Xunta, que este verán impulsará máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€. Insírense, á súa vez, na programación especial do Xacobeo 21-22, cunha oferta diversificada e descentralizada que abrangue todas as manifestacións artísticas e se dirixe a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.

Actuacións nunhas 80 localidades

O concerto que a Unión Musical de Valladares ofrecerá o 1 de xullo, ás 20,30 h., no Museo do Mar de Vigo será a primeira das 94 citas previstas inicialmente en O país das bandas, que se estenderá por uns 80 municipios galegos coa participación de máis de 3600 músicos.
Como sinalou Román Rodríguez, este ambicioso programa requiriu tamén dun gran esforzo organizativo que permitise garantir a seguridade dos músicos e dos espectadores. Neste sentido, habilitouse un protocolo anti-covid especial para facilitar o regreso aos ensaios de cada banda cunha serie medidas que se estenderán aos propios concertos co obxectivo de avanzar na recuperación da confianza por parte do público.
Con este intenso calendario de actuacións, materialízase o convenio asinado o pasado mes de maio pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplica a súa colaboración con esta entidade a través dun investimento de 400.000 euros. Refórzase así a colaboración con este colectivo, ao que O país das bandas lle ofrece unha plataforma desde a que aumentar a visibilidade social e reivindicar tanto a súa calidade musical como o seu labor de divulgación entre o gran público.
 

Imaxes relacionadas