A Xunta amplía a superficie baixo Certificación Forestal FSC ata en 34.000 hectáreas con 72 novos montes

Con esta nova inclusión, os montes galegos que contan cunha certificación FSC suman un total de 79

Isto supón un incremento -nos últimos seis meses- do 9,4% respecto á superficie total certificada FSC en España e máis do 32,6% para a superficie certificada por este sistema en Galicia

A certificación forestal é un procedemento voluntario mediante o que unha terceira parte independente certifica a través de auditorías o cumprimento das normas de xestión forestal sostible

A nosa comunidade conta actualmente cun total de 137.406,8 ha certificadas por FSC e 257.796 ha certificadas por PEFC

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, acadou a aprobación da proposta presentada a FSC (Forest Stewardship Council) para incluír no sistema 72 novos montes, que suman unha superficie de 33.846,92 hectáreas. Con esta nova inclusión, os montes baixo xestión da Xunta de Galicia que contan cunha certificación FSC suman un total de 79.
Este incremento de case as 34.000 hectáreas supón un aumento do 9,4% respecto á superficie certificada FSC en España (361.025,84 hectáreas datos ao 31 de decembro de 2020) e máis do 32,6% para Galicia. Na actualidade, máis de 407.245 hectáreas están certificadas FSC en España, das cales máis de 137.000 están en Galicia.
A Xunta, dende a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, xestiona montes públicos (propios da comunidade autónoma, de libre disposición e de utilidade pública) e privados (veciñais en man común, principalmente) repartidos polo territorio galego. Unha vez que estes montes dispoñen de instrumento de ordenación forestal, a vontade da administración é a de inscribir, nos procedementos e tarefas habituais en materia de montes, directrices de xestión sustentable emitidas no ámbito forestal e, máis concretamente, de dar cumprimento aos principais estándares en materia de xestión forestal sustentable. Deste xeito a Xunta de Galicia afonda no seu compromiso de aplicar os máis altos estándares de calidade na xestión dos montes dos que é propietaria ou xestora.
Pola súa banda, a certificación forestal é un procedemento voluntario mediante o que unha terceira parte independente certifica a través de auditorías o cumprimento das normas de xestión forestal sostible dando lugar a un certificado que acredita a orixe e respecto medioambiental dos produtos deses montes.
Un total de 463 montes ordenados baixo xestión da Xunta de Galicia atópanse certificados polo sistema PEFC (Programme for the Endorsement of Forest Certification), mais coa ampliación aprobada, 79 destes acadarán o máximo nivel posible na certificación da xestión forestal sostible co dobre certificado FSC-PEFC. Así, Galicia conta actualmente cun total de 137.406,8 ha certificadas por FSC e 257.796 ha certificadas por PEFC.
Cómpre ter en conta que hoxe en día a certificación é un instrumento de mercado que garante de xeito demostrable aos consumidores que ese recurso forestal procede de montes xestionados de forma sustentable o que, sen dúbida, incrementa o seu valor.

Departamento:
C. do Medio Rural