A renovación completa do firme na rúa Marcelo Macías de Ourense obriga a un corte do tráfico a vindeira semana

A medida que vaian avanzando estes traballos, que se desenvolveran do día 28 de xuño ao 2 de xullo, irase abrindo a circulación por treitos

A intervención arranca na rúa Progreso coa aplicación dunha capa completa de firme por toda a extensión da rúa, continuando a partir do 12 de xullo co pintado de marcas viais

A Xunta está a investir 1,7 millóns de euros no acondicionamento dun treito de 1,3 quilómetros da estrada autonómica OU-540 que coincide coa rúa Marcelo Macías
 

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2021

Os traballos de renovación completa da capa de rodadura do firme na rúa Marcelo Macías, en Ourense, obrigarán ao corte total do tráfico na mesma na vindeira semana. Os traballos desenvolveranse entre o día 28 de xuño ao 2 de xullo.

Co obxectivo de minimizar as molestias, e segundo se vaia avanzando na execución dos traballos, está previsto ir abrindo a circulación do tráfico na rúa, por treitos, ao finalizar o día.

A renovación do firme arrancará na rúa Progreso e abriranse ao tráfico a final de cada día os treitos que se vaian executando. Así, as obras iniciaranse coa rehabilitación das deficiencias puntuais do firme, afondando nos traballos máis abaixo da capa de rodaxe, para continuar de seguido cunha capa completa en toda a súa extensión.
Unha vez asegurada a estabilidade do firme, iniciaranse os traballos de pintado de marcas viais, que se as condicións meteorolóxicas o permiten, comezará o 12 de xullo.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez está a investir 1,7 millóns de euros no acondicionamento de 1,3 quilómetros da estrada autonómica OU-540 que coincide coa rúa Marcelo Macías.

As obras consisten na renovación e mellora do pavimento, os sinais, as beirarrúas ou os pasos de peóns, así como as redes de abastecemento e de saneamento e o alumeado público.

A actuación inclúe, ademais, traballos de mantemento e conservación no viaduto sobre o río Barbaña e o reforzo da seguridade viaria da rúa, cun total de 7 pasos de peóns elevados coa fin de reducir a velocidade dos vehículos e protexer aos viandantes.

Na actualidade están en fase de traballos finais a renovación de servizos urbanos de saneamento, abastecemento, iluminación, na que se están colocando as luminarias ornamentais da ponte sobre o Barbaña.
As ultimas semanas de obras servirán para repaso de traballos puntuais de beirarrúas, arquetas, posta a cota de sumidoiros.