A Xunta leva a Ribadavia un percorrido polas denominacións de orixe e indicacións xeográficas do viño de Galicia a través da mirada de Xurxo Lobato

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe esta mostra que forma parte da programación cultural do Museo do Viño de Galicia

As máis de cen imaxes do fotógrafo coruñés estarán expostas na Alameda de Ribadavia ata o vindeiro mes de setembro

“Xurxo Lobato crea co seu traballo unha ventá desde a que observar e entender o legado cultural de Galicia”, salientou Anxo M. Lorenzo

Ribadavia (Ourense), 25 de xuño de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Alameda de Ribadavia a exposición O Viño en Galicia coa que o fotógrafo coruñés Xurxo Lobato ofrece un percorrido por todas as denominacións de orixe e indicacións xeográficas da Comunidade. Trátase dunha mostra de rúa que forma parte da programación cultural do Museo do Viño de Galicia e que se poderá contemplar na Alameda do concello ourensán ata o vindeiro mes de setembro.
No acto de presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse ás imaxes de Xurxo Lobato como “unhas das principais ventás de Galicia, un marco desde o que observar e entender o noso legado cultural que neste ocasión amosan a importancia do patrimonio natural e paisaxístico ligado ao viño da nosa Comunidade”. Do mesmo xeito lembrou que o bo facer de Lobato levouno a ser o primeiro fotógrafo en ser recoñecido cos Premios da Cultura Galega, galardón que recibiu este mesmo ano.
Anxo M. Lorenzo engadiu que, ademais desta mostra, este verán a Xunta de Galicia vai impulsar máis de 3.000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se sumarán á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecerán a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as artes escénicas e propostas culturais e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.
A exposición inaugurada na Alameda de Ribadavia está deseñada para itinerar polas cidades e vilas das denominacións de orixe así como polas dotacións culturais que estean especializadas no viño. Trátase de máis dun centenar de imaxes que abarcan desde o patrimonio natural ata as adegas e festas do viño e que están divididas nunha vintena de paneis especializados en diferentes temáticas que ofrecen a imaxe do viño en Galicia.