A Xunta aposta polo diálogo, a cooperación e a suma de esforzos como a mellor fórmula para avanzar na igualdade real entre mulleres e homes

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta tarde, xunto ás conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, ao acto celebrado en Santiago polo X Aniversario de Executivas de Galicia

Destaca que Galicia non se pode permitir prescindir da metade do seu talento, asegurando que as mulleres poden e deben ser un poderoso axente do cambio

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta tarde en Santiago de Compostela, xunto ás conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, á celebración do X Aniversario de Executivas de Galicia. No acto destacou o importante labor desenvolvido pola entidade ao longo desta década para visibilizar o talento e o liderado feminino, ao mesmo tempo que asegurou que o diálogo, a cooperación e a suma de esforzos e capacidades son a mellor maneira de avanzar na igualdade real entre mulleres e homes.
Conde avogou por ser optimistas de cara ao futuro pero sen caer na inxenuidade de crer que o camiño está andado, xa que segue sendo necesario impulsar, por exemplo, a presenza feminina nos postos directivos e no eido das TIC.
“Galicia non se pode permitir prescindir do talento da metade da poboación”, indicou. Neste sentido, sinalou que as mulleres poden e deben ser un poderoso axente do cambio que está en marcha, en relación a esta nova etapa de reactivación económica marcada pola dobre transición ecolóxica e dixital.
Así, animou a administracións e entidades como Executivas de Galicia a seguir traballando da man para lograr a igualdade de xénero, que definiu como un factor fundamental de crecemento, de xustiza e equilibrio social, así como de produtividade e competitividade do tecido empresarial galego.

Imaxes relacionadas