O Camiño e o Xacobeo, a análise no curso de verán da Universidade da Coruña que se celebra hoxe en Noia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, tomou parte nunha das mesas redondas da xornada na que se afondou no fenómeno da peregrinación e a súa evolución desde un punto de vista institucional

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021

As análises e perspectivas coas que afronta a recuperación o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021-2022 desde diferentes perspectivas centran a sétima edición do Curso de Verán da Universidade da Coruña “Unha nova visión das rutas de peregrinaxe. O Camiño de Santiago e o Xacobeo” no que esta mañá participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Castro tomou parte xunto co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal e o concelleiro de Cultura do Concello de Noia, José Perez, nunha mesa redonda moderada polo docente da UDC, Carlos Rodríguez.

A directora de Turismo de Galicia destacou durante a súa intervención que “cursos coma este nos permiten facer unha reflexión común e avanzar en como cambia o fenómeno xacobeo, as múltiples posibilidades de desenvolvemento socioeconómico e turístico que ofrece a Ruta Xacobea, o seu impacto no territorio “, destacou ao tempo que incidía en que o Camiño é, e seguirá sendo, “elemento vertebrador de Galicia como territorio e como sociedade, o noso mellor embaixador, carta de presentación da marca Galicia no estranxeiro e, por suposto, elemento capital na nosa estratexia turística.

O impacto do Camiño no desenvolvemento do territorio rural e o seu desenvolvemento desde a perspectiva educativa, asociativa, empresarial ou institucional ocupan o resto dos contidos que se desenvolverán durante o que resta deste curso, dirixido a titulados en Turismo, Socioloxía, ADE, Economía, Xeografía, así como profesionais do turismo, e que remata mañá.
 

Imaxes relacionadas