A Xunta abre o período de inscrición para os minicampamentos "Coñece Galicia", que ofrecen 600 prazas, un 10% máis que o ano pasado

Trátase de estadías de cinco días de duración, de luns a venres, que se distribúen en 30 quendas

Os mozos estarán aloxados en establecementos hostaleiros para axudar a dinamizar o sector

Aplícanse descontos ás familias numerosas, monoparentais e aos usuarios do Carné Xove

Con este programa a proposta estival da Xunta, O verán que mereces, que tamén inclúe campamentos e campos de voluntariado, ofrecerá un total de máis de 7.800 prazas
 

Valdoviño, 25 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada polo alcalde de Valdoviño, Alberto González, presentou esta mañá no hotel A Roda, na praia de Meirás do concello de Valdoviño, os minicampamentos de verán, que este ano celebrarán a súa segunda edición tras o éxito de acollida do ano pasado. A inscrición para as 600 prazas ofertadas, 67 máis que o ano 2020, pode facerse desde hoxe na web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pechará cinco días antes do inicio de cada quenda ou, no seu caso, ata completarse.

Esta iniciativa, sinalou Fabiola García, ten un dobre obxectivo: por unha banda, ofrecer unha opción de lecer activo ás mozas e mozos galegos, coa particularidade de que son estadías rápidas de cinco días de duración; e, por outra, axudar a dinamizar o sector hostaleiro, que tanto sufriu este ano. Trátase, engadiu, de ofrecer “un verán tranquilo e un verán seguro” ás familias e aos mozos que participen na campaña estival da Xunta, que este ano se desenvolverá baixo o lema “O verán que mereces”.

Dirixida a nenos e nenas de entre 10 e 14 anos, serve tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo. Co obxectivo de facer máis accesibles os minicampamentos, a Xunta aplicará descontos do 50% ás familias numerosas ou monoparentais e do 25% a todos os usuarios do Carné Xove, que chegará de forma gratuíta aos domicilios das 400.000 mozas e mozos galegos.

Paddle surf, gincanas e xeoaventura

Ademais de Valdoviño Mariño, onde os participantes poderán gozar de actividades náuticas como surf, paddle surf ou kayak, así como roteiros e xogos fóra da auga, o programa ofrece outras doce propostas distribuídas por toda a xeografía galega, que inclúen gincanas, xeoaventura, rastrexo de fauna ou tiro con arco, entre outras actividades. Así, na provincia da Coruña, Teo acollerá Actividades multiaventura e de inmersión e coñecemento do patrimonio natural e cultural a ten Teocio; e na de Pontevedra desenvolveranse Aventura en Paradanta, no concello de Covelo; O noso rural II, en Lalín; Natura II, no Salnés; e Natureza e mar, en Bueu. Ourense, pola súa banda, ofrecerá as iniciativas Somérxete na natureza, na Pobra de Trives; e Acción no Arnoia, en Allariz; e Lugo, A conquista de Foz; Eco-Verán, en Monforte; Aventura na montaña, en Cervantes; A descuberta da Pobra do Brollón; e Xeocampamento nas montañas do Courel, en Folgoso do Courel.

Estas localizacións súmanse ás ofertadas nos campamentos e nos campos de voluntariado que, xunto aos minicampamentos, integran a programación da Campaña de Verán, que chegará en 2021 a máis de 7.800 beneficiarios. En todos eles manteranse as medidas de protección fronte á covid-19 postas en marcha o ano pasado, que inclúen a redución do aforo, a incorporación escalonada das rapazas e rapaces, o reforzo do persoal monitor e o incremento das medidas hixiénicos-sanitarias.
 

Imaxes relacionadas