A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade comprobou o uso da tarxeta na estación de buses de Monforte de Lemos, que anualmente acolle 22.000 expedicións e máis de 32.000 viaxeiros

Ethel Vázquez destaca que máis de 3.000 mozos da provincia de Lugo viaxan gratis por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova e aforran ata 1.700€ ao ano

Vázquez Mourelle subliña que todos os menores de 21 anos teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde nas máis de 3.100 liñas de autobús que xestiona a Xunta

Salienta a repercusión na comarca de Lemos da completa modernización levada a cabo pola Xunta no transporte público, incrementando un 150% o número de rutas e de paradas

Apunta á mellora nas conexións con Lugo, Ourense e Santiago e coas zonas rurais, a través do autobús compartido, e ás conexións directas e máis frecuencias ao hospital de Lugo

Incide na mellora da terminal de autobuses, coa renovación da cuberta, as dársenas e outros elementos, que supuxo un investimento autonómico de 165.000 euros.

Avanza a licitación en verán da concesión para a xestión da estación, que acolle 22.000 expedicións e máis de 32.000 viaxeiros ao ano, de xeito conxunto coas estacións de autobuses de Sarria e do Barco de Valdeorras
 

Monforte de Lemos, 25 de xuño de 2021.-

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe en Monforte de Lemos que máis de 3.000 mozos da provincia de Lugo viaxan gratis por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova da Xunta, que lles permite aforros de arredor de 1.700 euros ao ano.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe na estación de autobuses de Monforte de Lemos o funcionamento do dispositivo Xente Nova, que permite viaxar gratis os menores de 21 anos por toda Galicia no autobús interurbano da Xunta.

Lembrou que ata hai un mes esta tarxeta estaba operativa nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra. E desde agora, salientou, é unha realidade en toda Galicia, desde que o pasado 21 de maio se estendeu a súa cobertura territorial aos 313 concellos da Comunidade.

Tal e como explicou a conselleira, isto significa que os mozos de Monforte de menos de 21 anos se poden desprazar de balde no autobús da Xunta cara aos concellos veciños de Sober, Pantón ou Bóveda; pero tamén cara as cidades de Lugo, Ourense ou Santiago, por motivos de estudo ou de ocio, ao igual que desprazarse gratuitamente a cada un dos concellos galegos.

Subliñou que empregando a tarxeta Xente Nova todos os mozos galegos, vivan onde vivan, teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde en calquera das máis de 3.100 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta.

Fixo fincapé na conquista social que supón, na práctica, facilitar á mocidade galega o acceso a servizos básicos como a educación e a sanidade, pero tamén ás actividades culturais e sociais. Tamén incidiu no que supón de revulsivo no uso do transporte público por parte dos máis novos, e puxo o acento no alivio que supón e a axuda económica para as familias.

Detallou que unha familia dun rapaz de Monforte que se despraza todos os días a estudar a Ourense terá un aforro de máis de 1.200 euros ao ano no transporte público da Xunta nos 9 meses de curso lectivo, ao empregar a Xente Nova, coa que esas viaxes lle saen gratis. No caso de que ese mozo de Monforte estude en Lugo, o aforro acada os preto de 1.700 euros ao ano.

Concretou que, a día de hoxe, 100 mozos de Monforte xa dispoñen da tarxeta Xente Nova, na comarca de Lemos son 125 as tarxetas expedidas, é máis de 3.000 na provincia. Cifra de rapaces de Lemos e de Lugo que se espera incrementar nos próximas meses, que poden solicitar esta tarxeta nalgunha das 213 oficinas de Abanca habilitadas, polas vantaxes que supón. A este respecto, dixo, que desde que a Xunta estendeu o uso da Xente Nova a toda Galicia, o número de tarxetas expedidas na provincia de Lugo incrementouse substancialmente. En maio foron 250 as tarxetas expedidas, fronte ás 20 do mes de abril; e xa van preto de 600 en xuño.

Ethel Vázquez salientou a renovación integral levada a cabo desde a Xunta de todo o transporte público de Galicia o pasado mes de decembro, co obxectivo de ofrecerlle aos cidadáns servizos mellor adaptados a súas necesidades, favorecendo a mobilidade no rural, coas novas modalidades de transporte, compartido e a demanda.

Sinalou que a modernización do transporte público da Xunta, no caso de Monforte e da comarca de Lemos, supuxo incrementar en máis dun 150% o número de rutas e de paradas. Tamén, engadiu, permitiu dotar aos veciños de mellores conexións cara a Lugo, cara a Ourense e cara a Santiago; ademais de mellorar as conexións e a mobilidade coas zonas rurais, a través do autobús compartido, e con conexións directas e máis frecuencias ao hospital de Lugo.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse a como a aposta da Xunta polo transporte público tamén se traduce na mellora dos equipamentos, que no caso da estación da vila permitiu a súa mellora, coa renovación da cuberta, as dársenas e outros elementos, e que supuxo un investimento de 165.000 €.

Ademais, a conselleira avanzou que este verán licitarase a concesión para a xestión da estación, que acolle 22.000 expedicións e máis de 32.000 viaxeiros ao ano, de xeito conxunto coas estacións de autobuses de Sarria e do Barco de Valdeorras.
 

Imaxes relacionadas