A Xunta adxudica a construción dunha senda peonil na estrada AC-413 no concello de Ordes

Os traballos, adxudicados por máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo estimado de 2 meses

Trátase de mellorar a seguridade viaria da zona, coa construción dun itinerario en tres tramos, entre o inicio da vía autonómica e o punto quilométrico 0+350

Executarase un treito inicial de 190 metros de lonxitude, o máis próximo ao núcleo de Ordes, dende as beirarrúas existentes ata un tramo xa acondicionado

A senda peonil proseguirase con 2 tramos máis, un de 70 metros ata unhas vivendas, e outro de 60 metros ata o cruzamento coa rúa Darefe

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a construción dunha senda peonil na estrada autonómica AC-413, ao seu paso polo concello de Ordes.

O contrato foi adxudicado á empresa Excavaciones y Obras Candal S.L., por máis de 48.000 euros. Os traballos comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de 2 meses.

O obxectivo da actuación é mellorar a seguridade viaria da zona, coa execución dunha senda peonil nesta estrada de titularidade de Xunta, entre o seu inicio e o punto quilométrico 0+350.

O itinerario, que estará formado por tres tramos, terá un ancho mínimo de 1,8 metros, e será de formigón cor terrizo,

En concreto, executarase un treito inicial de 190 metros de lonxitude, que se corresponde co tramo máis próximo ao núcleo de Ordes, dende as beirarrúas existentes ata un tramo xa acondicionado con firme de formigón. Aquí, ademais, un pequeno treito discorrerá pola estrada da deputación DP-5903 coa fin de conectar coa beirarrúa existente

A senda peonil proseguirase con 2 tramos máis, un de 70 metros ata unhas vivendas, e outro de 60 metros que se prolonga ata alcanzar o cruzamento coa rúa Darefe.
As obras incluirán, tamén, a execución dun colector para drenaxe das augas pluviais da senda peonil.