A conselleira do Mar participou no acto de entrega do III Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell

A Xunta enxalza a capacidade da conserva galega de reinventarse ante a crise da Covid-19 e a súa aposta constante pola innovación

A titular de Mar salienta o labor desenvolvido polo sector transformador durante a pandemia, no que intensificou a busca de novas oportunidades de negocio, potenciou as vendas en liña e reforzou a aposta pola exportación

Rosa Quintana destaca o III Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell como unha acción para potenciar o consumo de conservas actualizando constantemente a súa imaxe e adaptándoa aos novos tempos

A gañadora desta terceira edición é a deseñadora Laura Campos, que resultou elixida entre dez finalistas que foron seleccionados dun total de 75 candidaturas
 

Vigo, 25 de xuño de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe no acto de entrega do III Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell, onde destacou o gran esforzo realizado polo sector conserveiro galego no último ano e medio para adaptarse ás dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus así como a súa constante aposta pola innovación para seguir medrando.

A titular de Mar enxalzou a capacidade das empresas do sector para reinventarse e reorientar a súa estratexia de comercialización nos momentos máis difíciles da pandemia -nos que intensificaron a busca de novas oportunidades de negocio, potenciaron as vendas en liña e apostaron pola exportación- ao tempo que mantiveron a súa actividade na medida do posible cumprindo todos os protocolos establecidos polas autoridades sanitarias.

“Trátase dun sector que foi recoñecido como esencial durante a alerta sanitaria e que respondeu cun compromiso inquebrantable e cunha responsabilidade sen tachas pois traballou sen descanso para manter o seu nivel de actividade e seguir ofrecendo alimentos de calidade á cidadanía”, subliñou Rosa Quintana. A industria de transformación dos produtos do mar, engadiu a representante da Xunta, adaptouse ás necesidades sociais xurdidas durante a pandemia e aproveitou a situación de debilidade derivada dela para convertela nunha fortaleza.

De feito, a titular de Mar puxo o III Premio de Deseño Anfaco-Fundación Banco Sabadell como exemplo da aposta firme do sector pola innovación e do traballo para potenciar o consumo de conservas entre o conxunto da poboación actualizando constantemente a súa imaxe para facela máis atractiva e adaptada aos novos tempos.

O premio

O obxectivo deste galardón -creado en 2019 para conmemorar o 115 aniversario da patronal conserveira Anfaco- é recoñecer e fomentar o talento creativo dos deseñadores novos mediante o deseño das caixas que se empregarán para envolver as latas de conserva da campaña de promoción Cata la lata entre xuño de 2021 e xuño de 2022. O premio desta terceira edición, que conta cunha dotación de 6.000 euros, foi para a deseñadora Laura Campos, que fixo unha proposta que resultou elixida entre dez finalistas e trala presentación dun total de 75 candidaturas.

O deseño gañador consiste nunha ilustración baseada na deconstrución dos elementos sen renunciar á identificación do produto ao que representa. O xurado valorou a orixinalidade gráfica, a iconografía, a harmonía cromática e a tipografía así como as súas posibilidades á hora de aplicar o deseño ao mercado.

A titular de Mar agradeceu a todos os participantes o seu gran traballo e que puxeran o seu talento ao servizo do sector transformador galego, permitindo que se sitúe á vangarda en materia de deseño. “Grazas por poñer o voso coñecemento, imaxinación e talento a disposición de Galicia e do noso tesouro enlatado, a conserva”, concluíu Rosa Quintana.

Imaxes relacionadas