A execución financeira do programa de desenvolvemento rural de Galicia acada a finais do ano 2020 o 70% e supera a media nacional e da UE

Así o constatou hoxe o Comité de Seguimento do PDR de Galicia 2014-2020, que estivo presidido polo secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e no que participaron responsables das diferentes administracións e representantes de organizacións e axentes sociais

A finais do pasado ano 2020 o nivel de compromisos acadou o 95% do importe total do PDR
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

A execución financeira do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 acadou a finais do ano 2020 o 70% e sitúase por riba da execución media tanto do conxunto da Unión Europea (62%) como dos PDR de España (53%).

En concreto, o gasto público total dentro do PDR de Galicia superou en 2020 os 179 millóns de euros e a execución financeira acumulada do programa a data de 31 de decembro de 2020 é de máis de 830 millóns de euros de gasto público total. Se temos en conta o total de compromisos adquiridos a finais do pasado ano, a porcentaxe de execución sobe ata o 95% do total do programa, cun gasto público total que supera os 1.127 millóns de euros.

Así o constatou hoxe o Comité de Seguimento do PDR, que estivo presidido polo secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Nicolás Vázquez, e no que participaron responsables da Xunta, do Goberno Central e da Comisión Europea, así como representantes de organizacións e axentes sociais que desenvolven a súa actividade no ámbito rural galego.

As medidas con maior porcentaxe de execución financeira no ano 2020, con respecto ao seu importe programada, foron, por esta orde, a axuda temporal pola crise da Covid-19, os servizos de asesoramento destinados ás explotacións agrícolas e os pagos a zonas con limitacións naturais. As medidas con maior porcentaxe de execución acumulada a 31 de decembro de 2020 foron os pagos a zonas con limitacións naturais, as de agroambiente e clima e os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

A xuntanza do devandito Comité de Seguimento do PDR serviu tamén para avaliar os avances na elaboración do Plan estratéxico nacional para a PAC 2023-2027.

Imaxes relacionadas