A Fundación Cela remata hoxe o ciclo 'Mazurca para dous poetas' que visibiliza aos novos talentos

A iniciativa, na que se unen literatura e música ao aire libre, contará esta tarde coa participación de Berta García Faet, Juan Andrés García Román e o grupo Chicharrón

O programa encádrase nas actividades para conmemorar o 30 aniversario da inauguración da fundación

Nas sesións anteriores participaron os poetas Ismael Ramos, Alba Cid, Alice Oswald e José Kozer coas actuacións musicais de MounQup e Laura LaMontagne & PicoAmperio
 

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia visibiliza o talento dos autores mozos a través do ciclo Mazurca para dous poetas, un programa de cultura e lecer que celebra hoxe a última das tres sesións na Fundación Pública Galega Camilo José Cela. Trátase dunha orixinal iniciativa que combina arte, reflexión, literatura e música ao aire libre que esta tarde contará coa participación de Berta García Faet, Juan Andrés García Román e o grupo Chicharrón.

Mazurca para dous poetas, coordinada pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, inspírase na empatía que Camilo José Cela demostrou sempre polos autores mozos así como nos primeiros pasos nas letras do propio Cela, no ámbito da poesía.

O ciclo forma parte da programación de actividades do Goberno galego para conmemorar o 30 aniversario da inauguración da fundación dedicada ao premio Nobel padronés e contou coa participación de tres voces mozas da poesía galega e española ás que se convidou a identificar os seus referentes na poesía mundial contemporánea. Deste xeito o noiés Ismael Ramos abordou a figura da británica Alice Oswald, a ourensá Alba Cid afondou na obra do estadounidense de orixe cubana José Kozer e, nesta última sesión, a valenciana Berta García Faet abordará o traballo do granadino Juan Andrés García Román coma un dos seus modelos e fontes de inspiración.

Ambos conversarán sobre literatura e compartirán un recital poético nas instalacións de Iria Flavia, que culminará cun concerto de música electrónica galega da man da banda carballesa Chicharrón. Nas dúas sesións anteriores as actuacións musicais correron a cargo de MounQup e de Laura LaMontagne & PicoAmperio.

Imaxes relacionadas