Román Rodríguez destaca a constancia e excelencia dos mellores expedientes da ABAU

O conselleiro de Educación participa na entrega de recoñecementos a estes estudantes no marco do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou esta tarde xunto ao reitor da USC, Antonio López, na entrega de recoñecementos aos 1.363 estudantes que obtiveron unha cualificación igual ou superior a 9 na parte obrigatoria da ABAU, un acto no que destacou que o traballo destes alumnos “demostra que a nosa segue a ser unha Comunidade referente polo seu gran nivel académico no plano nacional”.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor a dedicación, compromiso, constancia e excelencia destes alumnos, nun curso que puxo a proba a todo o sistema educativo. “Soubestes estar non xa á altura, senón moi por riba dela”, dixo. “Todos os que estades aquí sodes un orgullo para Galicia –engadiu– e nas vosas mans está facer fronte a un contexto que é difícil, pero para o que probastes estar máis que preparados”.

Román Rodríguez quixo tamén felicitar aos centros educativos que fomentan o talento destes rapaces, especialmente aos seus docentes “o labor de impulso e orientación neste ano tan difícil”; así como ás familias, “transmisoras principais de principios e valores e das bases nas que se cimenta o traballo dos vosos fillos”.

Unha ponte coa Universidade

O acto desta tarde pecha a edición deste ano do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, impulsado pola Universidade de Santiago como unión entre o estudantado de ensino medio e esta universidade. Nel inclúense actividades de información e orientación –visitas a institutos, charlas temáticas...– sobre os estudos impartidos, de tal xeito que cada alumno poida escoller os que máis se axusten ás súas preferencias.


O programa leva en funcionamento dunha forma estruturada desde o curso 2003-2004 e pretende dar a coñecer a oferta académica e o contexto investigador, social, cultural e espacial da universidade en que se desenvolven eses estudos.
 

Imaxes relacionadas