As convocatorias para o acceso ás xefaturas dos centros de saúde poderán incluir proxectos de xestión vinculados aos plans locais de saúde

Permitirán a presentación simultánea de candidaturas a varios postos de xefatura que se resolverán, conxuntamente, como equipo de dirección e organización dos centros de saúde do ámbito respectivo

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

A Consellería de Sanidade vén de publicar, na edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia (DOG), a aprobación do Acordo que permitirá a provisión de postos de xefatura e coordinación en centros de saúde mediante proxectos de xestión. Estes, conterán como mínimo o compromiso de impulso na elaboración dun plan local de saúde, tendo en conta as orientacións metodolóxicas elaboradas polo departamento sanitario da Xunta de Galicia.
Dentro das liñas estratéxicas da Consellería de Sanidade, figura a de impulsar a autonomía de xestión na atención primaria, potenciando os postos de xefatura e coordinación, outorgando relevancia aos proxectos de xestión conxuntos.
Así, as convocatorias permitirán a presentación simultánea de candidaturas a varios postos de xefatura que se resolverán, conxuntamente, como equipo de dirección e organización dos centros de saúde do ámbito respectivo.
Esta novidade, supón un esforzo na modernización das xefaturas da atención primaria, que, se ben son cubertas mediante o sistema de libre designación - xunto cos méritos do currículum-, engádese con este Acordo a elaboración dun proxecto, primando a presentación coordinada e conxunta de candidatos e candidatas a xefaturas de servizo e unidade e coordinación de servizos, proporcionando ferramentas para o traballo en equipo do persoal sanitario.
As xerencias das áreas sanitarias poderán utilizar este sistema de provisión cando estea xustificado polas características do servizo e unidade.