Política Social salienta o indispensable labor das escolas infantís para formar á sociedade do futuro

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización, Jacobo Rey, visitou esta mañá o centro San José de Gondomar, un dos máis grandes de Galicia con 148 prazas, que xa aplica a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos

Gondomar (Pontevedra), 24 de xuño de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe a escola infantil San José de Gondomar, que ofrece unha formación personalizada e integral para que os máis pequenos desenvolvan as súas destrezas en valores morais no ámbito persoal, familiar, social e profesional. Con 148 prazas, trátase dunha das maiores escolas infantís de Galicia e ofrece a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos, unha medida pioneira posta en marcha pola Consellería de Política Social en abril de 2020.

Jacobo Rey durante a visita aproveitou para percorrer as diferentes estancias e aulas do centro e coñecer ás nenas e nenos. Alí puido por en valor o labor dos profesionais que cada día levan a cabo as diferentes actividades de formación e destacar que este tipo de centros son os encargados de preparar á sociedade do futuro.

Neste ano 2021, a Xunta de Galicia -a través da Consellería de Política Social- destinará 4,98 millóns de euros a subvencionar o funcionamento de escolas infantís de 0-3 anos de iniciativa social. Estas subvencións teñen como finalidade consolidar a oferta de prazas existente e ofrecer un servizo amplo de conciliación da vida familiar e laboral en que se preste unha atención educativa de calidade e cuns prezos homoxéneos para as familias galegas. Estas axudas están dirixidas ao sostemento dos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e á mellora da súa calidade, e financian os gastos de mantemento destes centros e a aplicación da gratuidade na atención educativa e na matrícula para os segundos fillos ou fillas e sucesivos da unidade familiar.