Arias afirma que Galicia "é líder en calidade turística e fiabilidade" grazas a medidas pioneiras como o seguro coronavirus

O delegado territorial da Xunta en Lugo visitou o hotel balneario de Lugo, un dos establecementos lucenses distinguidos coa Q de Calidade que está adherido ao programa do Bono Turístico

Lugo, 24 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou hoxe que Galicia “é líder en calidade turística e fiabilidade”, como acreditan o máximo histórico en certificacións Q de Calidad Turística alcanzado a finais do pasado ano ou a implantación de medidas pioneiras como o seguro coronavirus, que está a ser imitada por outras comunidades autónomas.
Arias visitou hoxe o Hotel Balneario de Lugo da man do propietario, Antonio Garaloces, entre outros, e sinalou que “o traballo da Xunta está agora centrado en fomentar a actividade dos establecementos turísticos, especialmente de cara ao verán -asegurou-, e para elo debemos dar facilidades aos viaxeiros e mostrarnos como un destino seguro e confiable”.
O hotel balneario é un dos establecementos lucenses que ostentan a Q de Calidade; de feito, afirmou o delegado, Galicia lidera dez das categorías certificables, entre elas a de balnearios, e é a segunda comunidade do Estado en número absoluto de certificacións.
Ademais, está adherido ao programa do Bono Turístico “Quedamos en Galicia”, posto en marcha pola Xunta para incentivar a demanda turística interior. Ao respecto, o delegado explicou que logo do cese de actividade ao que obrigou a pandemia durante meses “queremos colaborar para que a recuperación sexa unha realidade canto antes e se produza coas máximas garantías”.
O bono consiste nunha tarxeta moedeiro de 250, 375 ou 500 euros, dos que o Goberno galego achega o 60% e os beneficiarios o 40% restante. Persegue elevar o consumo interno e mobilizar 7,5 millóns de euros en Galicia; pode utilizarse en calquera dos establecementos e axencias de viaxes adheridos, que actualmente suman 1.154 en Galicia e preto de 200 só na provincia de Lugo.
A previsión é chegar finalmente a 10.000 persoas beneficiarias grazas a un incremento de 1,4 millóns de euros no orzamento, despois de esgotarse as prazas dispoñibles nas 12 primeiras horas con 30.000 solicitudes, 30 por minuto. Neste momento hai xa case 6.500 galegos beneficiarios, 676 na provincia de Lugo, dos que a metade corresponden á cidade de Lugo.

Viaxar seguros

Tamén está en marcha dende este mes o seguro coronavirus, que garante a cobertura dos gastos sanitarios e de hospedaxe de calquera turista ou peregrino que resulte contaxiado da covid-19 durante a súa estancia en Galicia. Só teñen que xustificar que se aloxan nun establecemento da rede galega ou que están a facer o Camiño de Santiago, xa que a súa activación -cun ano de vixencia- é automática.
Entre as coberturas que oferta este seguro atópanse os gastos médicos, cirúrxicos, farmacéuticos e de hospitalización pola covid-19, así como a repatriación sanitaria ou por falecemento, ademais da prolongación da estadía por corentena con gastos ilimitados.
Arias lembrou o esforzo conxunto realizado durante os últimos meses para superar as dificultades económicas e sanitarias, a través dos Plans de rescate e doutras medidas que o sector foi implantando para poder traballar de forma segura, e confiou en que “os recursos postos en marcha xunto coa excelencia da nosa oferta e o Xacobeo bianual sexan puntais da recuperación turística”.

Imaxes relacionadas