A Xunta publica no DOG a renovación da encomenda á empresa pública Seaga do control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas, cun investimento de preto de 1,5 M€

O contrato ten unha vixencia de 12 meses e impulsa a roza de vexetación no dominio público das vías para a prevención de lumes, a mellora da visibilidade e o reforzo da seguridade viaria

As actuacións contribuirán á eliminación das marxes das estradas de especies que incrementen o risco de lume como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia

O control da vexetación incrementa a seguridade viaria, pois evita a caída de árbores á estrada, a invasión de espazos transitables por peóns ou ciclistas e aumenta a visibilidade dos usuarios

Desde maio do ano pasado e, ata o mes de abril, desbrozáronse a través desta encomenda 2.370 quilómetros de marxes de estradas na rede de vías da Xunta das catro provincias

Estas actuacións permiten ademais dar cumprimento ao acordo parlamentario para a redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das vías
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a renovación da encomenda á empresa pública Seaga do control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas para a prevención de lumes e para o reforzo da seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://xurl.es/pe1qo

O novo contrato, cunha vixencia de doce meses, impulsa a tala e roza de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas. Ademais, supón un apoio aos labores de conservación de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

Por unha parte, estas actuacións contribuirán á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Cómpre lembrar que a Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas autonómicas, engadindo aos medios da súa conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.

Por outra parte, o control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á calzada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén serve para aumentar a visibilidade dos usuarios da estrada, e consegue o efecto de alonxar aos animais, como xabarís ou corzos da estrada.

Deste xeito, a nova encomenda prolonga os traballos desenvolvidos entre maio do ano pasado e ata abril de 2021 na rede de estradas da Xunta das catro provincias galegas, que permitiron desbrozar 2.370 quilómetros de marxes de estradas e eliminar 10.087 árbores en dominio público de estradas, susceptibles de provocar lumes ou que supoñían un risco de caída na calzada .
Este contrato tamén posibilitará dar cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.