A Xunta apoia a internacionalización do audiovisual galego con axudas para a difusión en foros e festivais

Agrúpanse nunha mesma convocatoria, publicada hoxe no DOG, as subvencións para a promoción de traballos seleccionados en recoñecidos certames dunha vintena de países e para a asistencia a mercados profesionais

Cóntase cunha dotación de 60.000 euros, distribuídos ao 50% entre cada modalidade

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases das subvencións para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais en foros de negocio especializados e en eventos de cine fóra de Galicia, mediante as que a Xunta agrupa nunha convocatoria as súas dúas liñas anuais de axudas á internacionalización do sector.
A dotación de 60.000 euros distribúese ao 50% entre as dúas modalidades. A través da primeira delas, o Goberno galego apoia economicamente a presenza de empresas audiovisuais nunha decena de feiras e mercados profesionais, asumindo o 60% dos custos derivados da asistencia dunha persoa por entidade a citas de referencia internacional. Entre elas, Ventana Sur de Bos Aires (Arxentina), Natpe de Miami e American Film Market de Santa Mónica en Estados Unidos, Cinemart de Rotterdam (Holanda), European Film Market da Berlinale (Alemaña) e Sunny Side of the Doc da Rochelle, Marche du Court de Clermont-Ferrand e Marche du Film, MIPTV e MIPCOM de Cannes, todas elas en Francia.

Campañas promocionais

En canto á segunda modalidade, o seu obxecto é contribuír á promoción dos filmes galegos seleccionados nalgún dos máis destacados eventos e festivais do circuíto estatal e internacional con data de celebración entre o 1 de xaneiro de 2021 e o vindeiro 15 de novembro. Búscase así favorecer a posta en valor do traballo de cineastas e produtores de Galicia, seguindo a situar o noso audiovisual no mapa cinematográfico internacional.
As produtoras galegas con traballos seleccionados nalgún dos 41 certames dunha vintena de países relacionados nas bases poden optar a este apoio económico da Xunta para campañas de publicidade, elaboración e transporte do material de difusión, contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa, desprazamento e estadía de cinco persoas do equipo ou a tiraxe e/ou subtitulado das copias.
A través desta modalidade, a Xunta apoiou en 2020 as diferentes accións promocionais que levaron a cabo con motivo da selección en destacados certames audiovisuais de 11 longas e curtametraxes galegas, que na meirande parte dos casos contaron tamén cunha subvención autonómica para a súa produción.

Así e pese aos adiamentos e suspensións a causa da pandemia, apoiouse a presenza do noso audiovisual en Alemaña, Holanda, Italia, México e festivais internacionais con sede en España. Neste percorrido, o cine galego colleitou ademais importantes recoñecementos, como os obtidos no festival de Málaga por Lúa vermella (Zeitun Films), de Lois Patiño, galardoada como mellor película española da sección ZonaZine, e Xoves de Comadres, pola que Noemí Chantada obtivo a Biznaga de Prata (premio do público) e a mención especial do xurado na categoría de curtametraxes.

Como en anos anteriores, estas subvencións convócanse en réxime de concorrencia non competitiva, de xeito que se adxudicarán por orde de entrada no rexistro a todas aquelas solicitudes que cumpran os requisitos e se presenten ata o 2 de novembro ou ata o esgotamento da partida orzamentaria reservada para elas.

Imaxes relacionadas