A Xunta publica no DOG a encomenda para executar 70 actuacións de mellora da seguridade na rede viaria autonómica no entorno dos camiños de Santiago, que suporán un investimento de 1,4M€

Trátase de reforzar a seguridade viaria e a accesibilidade nos cruzamentos das estradas autonómicas coas rutas xacobeas, ou nos treitos da traza coincidentes, para favorecer unha mobilidade máis cómoda e segura para peregrinos e veciños

O departamento que dirixe Ethel Vázquez fixa o inicio dos traballos no mes de xullo, co obxectivo de ter executadas a totalidade das intervencións este mesmo ano

As actuacións desenvolveranse nos distintos trazados da ruta xacobea nas catro provincias galegas, estando programadas 14 intervencións na provincia da Coruña; 36 na de Lugo; e un total de 20 nas de Pontevedra e de Ourense

Estas intervencións enmárcanse no esforzo da Xunta por mellorar a seguridade viaria dos Camiños de Santiago, cun investimento nos últimos anos de 3,5 M€, ademais dos 12,6 M€ das actuacións que se están a ultimar nas entradas das rutas xacobeas en Compostela

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a encomenda das actuacións de mellora de seguridade na rede viaria de titularidade da Xunta, no ámbito dos Camiños de Santiago, que suporán un investimento autonómico de 1,4 M€.

Trátase dun novo programa impulsado pola Xunta para executar 70 actuacións para mellorar a seguridade en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, que se lle encomendan á Empresa de Transformación Agraria, S.A. S.M.E., M.P. (Tragsa). No seguinte enlace ao DOG pode consultarse esta resolución: https://xurl.es/exacu

O departamento que dirixe Ethel Vázquez prevé o inicio dos traballos neste vindeiro mes de xullo, co obxectivo de ter executadas a totalidade das intervencións este mesmo ano.

Os traballos definidos baixo esta encomenda da Xunta comprenden actuación de reforzo da seguridade viaria e da accesibilidade para favorecer unha mobilidade máis segura para peregrinos e veciños nas vías de titularidade autonómica. As intervencións desenvolveranse con criterios comúns no deseño, tanto desde o punto de vista da seguridade, como da accesibilidade e dos materiais empregados.

As 70 actuacións desenvolveranse nos distintos camiños e trazados da ruta xacobea nas catro provincias galegas.

Na provincia da Coruña están programadas un total 14 actuacións: 11 intervencións no Camiño de Fisterra, 1 no Camiño do Norte, e 2 no Camiño Francés.

Na provincia de Lugo están deseñadas 13 actuacións no Camiño Francés, 6 no de Inverno, 3 no Norte e 14 no Camiño Primitivo. Isto supón un total de 36 intervencións.

Finalmente, nas provincias de Pontevedra e de Ourense están previstas un total de 20 intervencións: 14 no Camiño da Prata en Ourense e Pontevedra, e 6 máis no Camiño Portugués na provincia de Pontevedra.

De xeito xeral, os traballos consistirán na instalación, reforzo e retranqueo de sinalización; na construción de sendas, muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos; e en calquera outra actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade da rede autonómica de estradas galegas no entorno dos Camiños de Santiago.

Estas intervencións enmárcase na aposta da Xunta por mellorar a seguridade viaria dos Camiños de Santiago, cun investimento nos últimos anos de 3,5 M€, ademais dos 12,6 M€ das intervencións que se están a ultimar á súa entrada en Compostela.