A Xunta licita dous contratos para impulsar a dixitalización e a innovación na xestión integral das estradas autonómicas, cun investimento de 1,8 M€

Permitirán poñer á disposición dos cidadáns unha gran cantidade de información, mellorando a transparencia, optimizando os recursos da administración e aforrando custos e tempo nas tramitacións administrativas

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas a ambos os contratos ata o 29 de xullo

O primeiro contrato inclúe a dixitalización da información actualmente en papel do dominio público das estradas e dos expedientes expropiatorios
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe dous contratos para impulsar a dixitalización e a innovación na xestión integral das estradas autonómicas, cun investimento de preto de 1,8 millóns de euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destes dous contratos para avanzar na Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de Estradas de Galicia, elaborada pola Axencia Galega de Infraestruturas, en coordinación coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Permitirán poñer á disposición dos cidadáns unha gran cantidade de información, mellorando a transparencia, optimizando os recursos da administración e aforrando custos e tempo nas tramitacións administrativas.
As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas a ambos os contratos ata o vindeiro 29 de xullo.

O obxectivo é a integración de todos os datos e sistemas informáticos da Axencia Galega de Infraestruturas, o que permitirá poñer á disposición dos cidadáns información estruturada, mellorando os tempos de xestión ás persoas e optimizando os recursos da administración.

O primeiro contrato licitado hoxe é o relativo á dixitalización e vectorización dos expedientes de expropiacións da rede autonómica de estradas de Galicia, por importe de máis de 1,4 millóns de euros.
Trátase da dixitalización da información actualmente en papel do dominio público das estradas, así como dos expedientes expropiatorios, moitos deles traspasados no seu día desde o Estado e con décadas de antigüidade.

Tamén se inclúe neste contrato a vectorización da liña de dominio público, que permitirá delimitar con precisión as zonas de afección da estrada. Esta información, sobre os 5.500 km de estradas da Xunta de Galicia, poñerase á disposición dos cidadáns que poderán realizar as tramitacións administrativas con moita maior axilidade, precisión e seguridade.
As tarefas que debe realizar o adxudicatario do contrato abranguerán a identificación e clasificación da documentación; a dixitalización de expedientes de expropiación e planos de delimitación do dominio público viario; ou a vectorización do bordo da zona expropiada.
En detalle, constan 62,14 m³ de volume de documentación a dixitalizar ou o escaneado de 4,14 millóns de páxinas ou de 7.742,40 metros de lonxitude de planos continuos de expropiación.

O segundo contrato licitado hoxe é o referente ao asesoramento e o seguimento dos proxectos tecnolóxicos desenvolvidos para a Axencia Galega de Infraestruturas, cun orzamento de case 390.000 euros.

Este servizo ten por obxecto o asesoramento técnico especializado á Axencia Galega de Infraestruturas para a realización de servizos de dinamización, xestión e control que permitan asegurar a execución dos proxectos da Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de Estradas de Galicia.
 

Imaxes relacionadas