O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias respondeu na Comisión 7ª do Parlamento a diversas cuestións relacionadas coa actividade da Consellería do Medio Rural

A Xunta destaca a consolidación do sector apícola galego ao aumentar o número de explotacións un 35% nos últimos dez anos e duplicar o de colmeas ata chegar ás 200.000

Trátase dun dos sectores produtivos máis novos do agro galego, xa que a idade media dos apicultores galegos profesionais é a segunda máis baixa de España

No período 2016-2020, aprobáronse 97 incorporacións de mozos, 69 plans de mellora e 10 expedientes de pequenas explotacións dentro deste sector

José Balseiros lembrou que aínda está aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, que este ano contan cun orzamento inicial de máis de 720.000 euros

O director xeral tamén respondeu unha pregunta sobre a fiscalidade nas explotacións agrogandeiras relativa ás axudas para incorporación de mozos á actividade agraria

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, destacou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento a consolidación do sector apícola galego ao aumentar o número de explotacións un 35% nos últimos dez anos e duplicar o de colmeas ata chegar ás 200.000. Un dato, sinalou, que cobra maior peso se se ten en conta que se trata dun dos sectores produtivos máis novos do agro galego, xa que a idade media dos apicultores galegos profesionais é a segunda máis baixa de España.
Así, o director xeral lembrou que houbo máis de 80 persoas menores de 40 anos que iniciaron a súa actividade agraria a través da apicultura no período 2016-2019, ao abeiro das axudas de incorporación de mozos convocadas neses anos. “Somos a terceira comunidade autónoma en número de explotacións, 4.663 que representan case o 14% do total-, por detrás de Castela e León e Andalucía”, dixo José Balseiros. Tamén incidiu en que Galicia é a única rexión do norte de España cunha produción significativa de mel baseada, en moitos casos, de especies vexetais distintas das do resto do mel español e amparadas por unha indicación xeográfica protexida propia, a IXP Mel de Galicia.
Neste senso, o representante do Goberno autonómico incidiu na importancia de seguir apostando por este sector produtivo e detallou as distintas liñas de axudas que a Consellería do Medio Rural ten para tal fin. Así, no período 2016-2020, aprobáronse 97 incorporacións de mozos, 69 plans de mellora e 10 expedientes de pequenas explotacións dentro deste sector; mentres que no tocante ás axudas á transformación e comercialización de produtos agroalimentarios, na convocatoria de 2020 houbo tres industrias envasadoras de mel subvencionadas, cunha axuda media aprobada de 50.000 euros.
Doutra banda, José Balseiros lembrou que aínda está aberto o prazo para solicitar as axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, que este ano contan cun orzamento inicial de 724.183 euros. Dita convocatoria terá unha ampliación presupostaria que elevará este importe global a preto de 1,3 millóns de euros, tras o incremento de fondos confirmado por parte tanto da Unión Europea como do Estado e da Xunta. Isto supón case o dobre do orzamento do ano pasado, cando a partida total ascendera aos 724.105 euros, matizou o director xeral.
Esta orde, explicou Balseiros, vai destinada tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de seis liñas de subvención diferentes, nas que os custos subvencionables foron pactados co sector: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea -incluída a vespa velutina-, para a racionalización da transhumancia, para medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas co obxectivo de axudar ás persoas apicultoras a comercializar e a valorizar os seus produtos, para apoiar a repoboación da cabana apícola e para facer seguimento de mercado. Precisamente, dixo o director xeral, un total de 1.773 apicultores se viron beneficiados desta liña cunha achega de máis de 718.000 euros no ano 2020.

Impostos no rural

Noutra orde de cousas, o director xeral de Gandaría respondeu unha pregunta sobre a fiscalidade nas explotacións agrogandeiras relativa ás axudas para incorporación de mozos á actividade agraria. Así, José Balseiros deixou claro que este tema é competencia única do Ministerio de Facenda pero insistiu en que o Goberno galego non está de acordo co tratamento que fai a Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) sobre este tipo de axudas.
Neste senso, sinalou que desde a Xunta se entende que estas achegas non son “subvencións correntes”, tal como recolle o Ministerio de Facenda, senón que deberían ser computadas como “subvencións de capital”, dado que van ligadas á realización dun determinado gasto por parte do beneficiario e non formulan como finalidade a garantía duns ingresos mínimos para a explotación.
Ademais, o director xeral destacou que o Goberno galego está a defender en Madrid que a vindeira Política Agraria Común (PAC) para o próximo período 2023-2027 manteña as axudas Feader para plans de mellora, incorporación de mozos e desenvolvemento de pequenas explotacións porque son fundamentais para o sector agrogandeiro. Nesta liña, lembrou que desde o ano 2016 e ata a actualidade lévanse beneficiado de máis de 253 millóns de euros un total de 6.316 persoas, das cales máis de 2.100 foron mozas e mozos que iniciaron a súa andaina laboral no agro.

Imaxes relacionadas