A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou na xornada A Primavera de Futuro Viñador

A Xunta aposta polos polígonos agrarios para aumentar a superficie de viñedos en beneficio das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitícolas da comunidade

Inés Santé destacou que as propias denominacións delimitaron preto de 4.500 hectáreas de superficie para a posible implantación de polígonos de vide, engadindo que actualmente este tipo de cultivos están caracterizados polo minifundismo, o que diminúe a súa rendibilidade

Nesa liña, lembrou que xa están en vías de desenvolvemento tres iniciativas de mobilización de terras dunhas 200 hectáreas en Leiro, Castrelo de Miño e A Arnoia -para abastecer a DOP Ribeiro- e outra en Crecente de 44 ha para dar servizo á DOP Rías Baixas

A directora xeral avogou por este tipo de instrumentos para seguir aumentando a produción de viño de calidade en Galicia, en paralelo a outras figuras como as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta contempladas na Lei de recuperación da terra agraria

Enmarcou estes proxectos na finalidade global de poñer a producir as terras abandonadas e infrautilizadas aportándolle base territorial a quen a precise, apostando por xerar actividade económica e por fixar poboación ao tempo que se crean devasas naturais fronte aos lumes

Sober (Lugo), 24 de xuño de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe na xornada A Primavera de Futuro Viñador, co relatorio “A Lei de recuperación da terra agraria: instrumentos de mobilización e de recuperación nas comarcas vitivinícolas de Galicia”. Alí, apostou polos polígonos agrarios para aumentar a superficie de viñedo en beneficio das nosas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitícolas.
Así, Inés Santé destacou que as propias denominacións delimitaron ata 4.383 hectáreas de superficie para a posible implantación de polígonos de vide, engadindo que actualmente este tipo de cultivos están caracterizados polo minifundismo, o que diminúe a súa rendibilidade. Nesa liña, lembrou que xa están en vías de desenvolvemento tres iniciativas de mobilización de terras dunhas 200 hectáreas nos concellos ourensáns de Leiro, Castrelo de Miño e A Arnoia -para abastecer a DOP Ribeiro- e outra na localidade pontevedresa de Crecente de 44 ha para dar servizo á DOP Rías Baixas. Para seguir nese camiño, a directora xeral avogou por dar continuidade a iniciativas coma estas co obxectivo de aumentar aínda máis a produción de viños de calidade en Galicia.
A maiores dos polígonos agroforestais -que buscan mobilizar grandes superficies-, a directora xeral referiuse a mecanismos como as aldeas modelo, que perseguen recuperar de xeito sustentable terra abandonada arredor dos núcleos de poboación. Así mesmo, aludiu ás agrupacións (agrogandeiras e forestais) de xestión conxunta, para a reorganización da propiedade dos terreos e o aproveitamento de maneira conxunta durante a súa vixencia do acordo entre propietarios.

Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural enmarcou estes instrumentos na finalidade global da Lei de recuperación de poñer a producir as terras abandonadas e infrautilizadas, aportándolles base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan. Todo isto fará posible -dixo- anticiparse aos lumes forestais, traballar pola recuperación demográfica e polo asentamento no rural e mellorar a calidade de vida da poboación.
A norma baséase -destacou Inés Santé- na garantía plena nos procedementos, na seguridade xurídica nas relacións entre os diferentes axentes que actúan sobre o territorio e na voluntariedade na súa participación dentro dos diferentes mecanismos de mobilidade. Deste xeito -recalcou- o propietario das terras recibirá un beneficio económico pola súa xestión, mentres aquelas persoas que as queiran traballar contarán coa superficie suficiente para unha actividade económica rendible, sempre mantendo a titularidade dos predios.
A directora xeral puxo de relevo que esta normativa ordenará o uso das terras de carácter agroforestal a través da posta en marcha dun Mapa de usos agroforestais, que reflectirá o emprego das terras e servirá de base para planificar as actuacións das administracións públicas na materia. En relación coa identificación e coa ordenación de usos, tamén prevé a creación dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais.
Facendo fincapé na investigación da propiedade, a norma atribúelle á Xunta a facultade de investigación en parcelas vacantes que non teñen dono coñecido, cuestión que ata agora tiña atribuída o Estado. Así, dáse un prazo de dez anos para que os donos poidan reclamar e acreditar a propiedade dos predios sen acudir á Xustiza. Se aparece o propietario -recalcou Inés Santé- non só recuperará a titularidade das terras, senón que a Xunta lle aboará todo o rendemento obtido se o predio foi arrendado.
Por último, a directora xeral sinalou que a Lei prevé medidas xerais para promover a recuperación e posta en valor da terra agraria, tales como axudas públicas, liñas de crédito bonificadas e outros instrumentos financeiros e contratos temporais de xestión pública. Así, explicou que incorpora incentivos fiscais en impostos que xestiona a comunidade autónoma e contempla tamén propoñer ao Estado medidas fiscais específicas para incentivar a mobilización. Dentro delas, resaltan as relativas á imposición sobre a renda das persoas físicas e xurídicas para favorecer o arrendamento das parcelas rústicas ao Banco de Terras e a transmisión ou arrendamento dos predios que se incorporen aos polígonos, ás aldeas modelo ou ás agrupacións de xestión conxunta. Tamén, incentivos fiscais a prol da incorporación de axentes promotores aos mecanismos de mobilización, así como nos tributos estatais que afecten ás permutas en solo rústico.

Imaxes relacionadas