A Xunta achegará máis de 123.000 euros a un proxecto de colaboración para a mellora xenética do porco celta co fin de potenciar a competitividade desta raza

Así o avanzou hoxe o director da Agacal, José Luis Cabarcos, nunha visita a unha explotación de porco celta en extensivo no concello lugués de Friol, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias

Trátase de deseñar un procedemento de avaliación xenética de individuos desta raza porcina que poida permitir o establecemento dun programa de aumento da súa poboación e definir liñas xenéticas reprodutivas, multiplicativas e de produción

Friol (Lugo), 24 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) achegará un total de 123.438 euros para financiar un programa de avaliación do porco celta que ten como principal obxectivo favorecer a selección e mellora xenética que permita garantir a continuidade desta raza autóctona galega.
Trátase de deseñar un procedemento de avaliación xenética de individuos desta raza porcina que poida permitir o establecemento dun programa de aumento da súa poboación e definir liñas xenéticas reprodutivas, multiplicativas e de produción. Así o avanzou hoxe o director da Agacal, José Luis Cabarcos, nunha visita a unha explotación de porco celta en extensivo no concello lugués de Friol, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias.
Para a realización destes fins, estableceuse un acordo de colaboración entre o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, adscrito á Agacal, a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) e o Centro Tecnolóxico da Carne (tamén dependente de Medio Rural). Este convenio permitirá impulsar o devandito programa de valoración de animais reprodutores, que garantan a continuidade da raza, con liñas xenéticas ben diferenciadas en función de obxectivos de selección. A idea é establecer os mellores cruzamentos dispoñibles, co fin de obter información útil para as gandarías colaboradoras e para os propios xestores do libro xenealóxico da raza.
Ao tempo, contémplase o fomento dun sistema de aproveitamento silvopastoril con base nesta raza, que se considera do máximo interese para o aproveitamento de terreos infrautilizados e para a preservación e control da biomasa mediante a actividade propia destes animais. Así, valórase a súa potenciación mediante estudos e investigacións que melloren o seu posicionamento.

Libro xenealóxico

Neste acto, o director da Agacal e o delegado territorial reafirmaron o apoio da Xunta á asociación de criadores Asoporcel, que se materializou nunha achega de 820.000 euros dende o ano 2016 ata a actualidade, dentro do programa de axudas destinadas á xestión do libro xenealóxico desta raza. Ademais, o delegado salientou que Asoporcel é a única entidade desta natureza que ten a súa sede en Lugo e puxo en valor a súa colaboración coa comunidade do monte veciñal en man común de Carballo, en Friol, na liña de explorar métodos de cría mediante o aproveitamento silvopastoril do terreo forestal. Con estas prácticas redúcense os custos de produción, elévase a calidade do produto, contribúese á axeitada xestión da biomasa e procúrase unha alternativa de ingresos para a economía das zonas rurais.
Asoporcel realiza accións de promoción do porco celta e tamén de asistencia directa aos produtores. Encárgase da xestión do libro xenealóxico, desenvolve un programa sanitario propio para os asociados e impulsa a comercialización, axudando na creación e difusión de marcas comerciais baixo o distintivo de calidade 100% Raza autóctona porco celta.
Actualmente están rexistrados en Galicia un total de 4.141 exemplares de porco celta, dos que 746 son nais e 181 sementais, nun total de 138 gandarías colaboradoras.

Imaxes relacionadas