Galicia acadou os 9 millóns de metros cúbicos de madeira aproveitada en 2020

Trátase dun dato que pode atoparse na nova plataforma web da Xunta de Galicia, que permite obter información do sector forestal da comunidade e crear series históricas de datos

Baseada en tecnoloxía de Intelixencia Empresarial ou Intelixencia de Negocio (BI Business Intelligence), a ferramenta permite a agrupación de datos a nivel provincial, de distrito forestal e mesmo de termo municipal

A iniciativa xorde do traballo conxunto da Consellería do Medio Rural e da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega)
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural -a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal- e a Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de desenvolver unha ferramenta novidosa para amosar os datos que definen o sector forestal de Galicia. Entre eles, os dos aproveitamentos de madeira para o ano 2020, un ano marcado pola pandemia da covid-19 no que, con todo, se superaron os 9 millóns de metros cúbicos.


Nesta cifra, que supón un lixeiro descenso do 6,87% respecto ao volume de cortas do ano 2019, destacan os máis de 5,2 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto aproveitada, fronte aos 5,6 millóns do ano anterior. Mentres, as coníferas -especialmente Pinus radiata e Pinus pinaster- mantivéronse constantes con respecto ao ano anterior, acadando os 1,6 millóns de metros cúbicos aproveitados para ambas as dúas especies.

 

 

 

 

Baseada en tecnoloxía de Intelixencia Empresarial, a nova ferramenta web permite atopar xa datos da estrutura da propiedade en Galicia e das producións madeirables. Trátase dos dous primeiros ámbitos de datos xa desenvolvidos, aos cales se irán incorporando nas vindeiras semanas e meses novos eidos como a superficie ordenada, a superficie en xestión pública, as empresas do sector forestal de Galicia, os tratamentos de loita biolóxica contra pragas e doenzas forestais ou as actuacións de silvicultura e repoboación realizadas nos últimos anos con financiamento público.

Trátase dun fito tecnolóxico en materia de administracións públicas porque os datos están agrupados mediante o acceso directo a múltiples aplicacións de datos con información forestal. Así, a ferramenta permite a agrupación de datos a nivel provincial, de distrito forestal e mesmo de termo municipal.

Esta plataforma web de estatística forestal enmárcase no conxunto de accións realizadas ao abeiro da Estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que tanto a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal como a Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen desenvolvendo nos últimos anos.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural