A Xunta adxudica por máis de 890.000 euros as obras de mellora do firme na estrada PO-212 entre Rodeiro e Agolada

Os traballos empezarán na segunda quincena de xullo e terán un prazo de 6 meses

A actuación realizarase ao longo dos 15,6 quilómetros desta estrada co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e as condicións de condución

Este contrato tamén incluirá a reposición da sinalización e a redución do ancho dos carrís centrais para establecer algunhas zonas intermedias cebreadas

A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

A Xunta adxudicou por máis de 890.000 euros as obras de mellora do firme na estrada PO-212 entre Rodeiro e Agolada.
Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Rafer S.L., empezarán na segunda quincena de xullo e terán un prazo de execución de 6 meses.
A actuación de reforzo de firme realizarase ao longo dos 15,6 quilómetros desta estrada co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e as condicións de condución.
A intervención, segundo as necesidades de cada treito, incluirá o fresado e a posterior reposición do firme con mestura bituminosa en quente, previa aplicación dunha rega de adherencia.
Tamén está previsto que en toda a vía se aplique microaglomerado en frío para minimizar o futuro desgaste da capa de rodadura e para favorecer a adherencia dos vehículos.
Este contrato tamén incluirá a reposición da sinalización e a colocación de máis de 1.500 elementos de balizamento, co formato de captafaros, para incrementar a visibilidade.
Ademais o proxecto abranguerá a redución do ancho dos carrís centrais para establecer algunhas zonas intermedias cebreadas, no marco das actuacións complementarias de modernización da estrada.
A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.