A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo hoxe un encontro cos alcaldes de Oia, de Baleira, de Oímbra, de Mondariz, de San Xoán de Río e de Cerdedo-Cotobade, cuxos concellos foron seleccionados para a elaboración de Plans municipais de abastecemento autónomo

A Xunta convoca as primeiras axudas para que as comunidades de traídas veciñais instalen medidores de caudal e detecten fugas de auga nas instalacións

Os incentivos oscilarán entre os 6.000€ para comunidades de ata 50 membros e os 12.000 para as de 51 ou máis integrantes, e poderán solicitarse desde mañá e ata o 23 de xullo

Esta convocatoria de axudas, dotada con 250.000 euros, súmase á dirixida aos concellos de menos de 50.000 habitantes para a instalación de caudalímetros nas redes de abastecemento, cun orzamento de 500.000 € e que se poden solicitar ata o 1 de setembro

Na primeira semana de xullo comezarán os traballos de Augas de Galicia coas entidades locais para desenvolver os plans municipais de abastecemento autónomo, que suporán cun investimento da Xunta de 900.000 €

O obxectivo é dotar os concellos de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable á súa poboación e dun instrumento de planificación para a mellora da prestación deste servicio, de competencia municipal
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021.-

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a publicación no Diario Oficial de Galicia da primeira convocatoria de axudas ás comunidades de usuarios de abastecemento para dispor de caudalímetros que midan as augas de consumo humano, dotada dun orzamento de 250.000 euros. O obxectivo á axudar ás agrupacións beneficiarias de traídas veciñais a detectar fugas de auga nas súas instalacións.

Así o trasladou a titular de Infraestruturas e Mobilidade no encontro mantido esta mañá en San Caetano, xunto co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, cos alcaldes dos concellos de Oia, de Baleira, de Oímbra, de Mondariz, de San Xoán de Río e de Cerdedo-Cotobade, cuxos concellos foron seleccionados para a elaboración de Plans municipais de abastecemento autónomo.

Vázquez Mourelle explicoulles que esta nova convocatoria de axudas se suma á dirixida aos concellos de menos de 50.000 habitantes para a instalación de dispositivos de medición do caudal da auga que detecten fugas nas redes de abastecemento, dotada cun orzamento de 500.000 euros. Esta liña está aberta desde o pasado 5 de maio e ata o vindeiro 1 de setembro.

Concretamente, a convocatoria publicada hoxe está dirixida ás comunidades de usuarios legalmente constituídas. O prazo para solicitala comeza mañá e esténdese ata o vindeiro 23 de xullo. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://xurl.es/3nbbd

Estes incentivos inclúen a financiación de ata o 100% da adquisición e instalación de dispositivos de medición do caudal. A contía das axudas oscila entre os 6.000 euros, para comunidades de ata 50 membros, e os 12.000 euros, para as comunidades de usuarios de 51 ou máis integrantes.

Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 destinados á mellora do control dos volumes de auga subministrados polas comunidades de usuarios solicitantes. Os equipos subvencionados poderán ser caudalímetros ultrasónicos ou electromagnéticos ou contadores mecánicos, sempre que estean homologados para o uso ao que van destinados de acordo á normativa comunitaria e estatal vixente sobre metroloxía.

Plans de abastecemento autónomo

Ethel Vázquez tamén abordou na reunión cos alcaldes dos seis concellos seleccionados para a elaboración de Plans municipais de abastecemento autónomo o detalle do procedemento e os pasos para desenvolver os traballos para a elaboración e implantación destes plans nos seus respectivos municipios, que suporán un investimento da Xunta de 900.00 euros.

O obxectivo destes plans é dotar ás entidades locais de información sobre o nivel de garantía do abastecemento de auga potable fóra das súas redes municipais e para que conten cun instrumento básico para planificar e priorizar as accións de mellora neste ámbito. Os traballos de Augas de Galicia coas entidades locais comezarán o vindeiro mes de xullo. A elaboración dos ditos plans realizaranse durante 18 meses, polo que se estima o seu remate en decembro de 2022.

Cómpre lembrar que para levar a cabo esta iniciativa, o departamento que preside Ethel Vázquez lanzou o pasado mes de abril unha convocatoria para promover a implantación dos correspondentes plans municipais de abastecemento autónomo nun total de seis concellos.

Entre as catorce expresións de interese recibidas desde os municipios, a entidade hidráulica da Xunta seleccionou os seis municipios considerados máis axeitados para o desenvolvemento dos plans, nos que se financiará a análise de 200 pequenos sistemas de abastecemento de auga de consumo.

Este programa é o resultado do desenvolvemento do proxecto europeo LIFE12 ENV/ERES/000557 Rural Supplies, promovido polo Concello de Abegondo, Augas de Galicia e a Consellería de Sanidade.

Fortalecemento das pequenas subministracións

A Xunta ten entre un dos seus obxectivos estratéxicos fortalecer a sustentabilidade das pequenas subministracións nas comunidades rurais dispersas que carecen de auga potable, como modelo alternativo á municipalización dos servizos en poboacións moi pequenas e dispersas, que se demostrou, en xeral, moito menos eficaz para estes lugares.

Hai que ter en conta que actualmente en Galicia máis de 580.000 persoas, sobre unha poboación de 2,7 millóns, consumen auga a través de solucións autónomas. Un 10% dos galegos abastécese a través de redes veciñais e un 13% autoabastécese mediante pozos ou mananciais privados.

A Xunta traballa en dúas liñas para o fortalecemento do modelo autónomo de abastecemento. Por unha banda, apoiando economicamente ás comunidades de usuarios por medio da nova liña de subvencións que se iniciou o ano pasado, para mellorar instalacións e procesos que repercutan nunha maior garantía sanitaria da auga abastecida en traídas veciñais. Doutra banda, con este programa que pretende implicar en maior medida aos concellos, como responsables últimos do abastecemento nos seus municipios, e ás propias comunidades de usuarios de augas, por medio da implantación de plans municipais de abastecemento autónomo.
 

Imaxes relacionadas