A Xunta adxudica as obras para a instalación de peitoril na ponte vella da estrada AC-550 en Noia

Esta intervención, que suporá un investimento de máis de 48.000 euros, iniciarase nas vindeiras semanas, cun prazo de execución de 1 mes

Substituirase e instalarase unha nova barreira para contención dos vehículos de xeito que quede protexido o tráfico de peóns que circula pola beirarrúa
 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras para a instalación de peotoril na ponte vella da estrada autonómica AC-550, ao seu paso polo concello de Noia.

O contrato foi adxudicado á empresa Metalnoia S.L., por máis de 48.000 euros. Os traballos comezarán nas vindeiras semanas e teñen un prazo de execución de 1 mes.
A actuación consistirá na substitución do elemento de contención de vehículos nesta ponte situada no punto quilométrico 73+200 da vía autonómica, que na actualidade conta cunha barreira soportada por uns perfís metálicos.

Deste xeito, as obras incluirán a desmontaxe e retirada do actual sistema de contención e a instalación dunha nova barreira para contención dos vehículos, de xeito que quede protexido o tráfico de peóns que circula pola beirarrúa.

Os traballos impulsados polo departamento que dirixe Ethel Vázquez suporán, ademais, unha mellora estética nunha zona moi transitada e sensible desde o punto de vista patrimonial e natural.

A Xunta continúa traballando no mantemento das estradas autonómicas co obxectivo de reforzar a seguridade viaria.