Esta mañá, na Delegación Territorial da Xunta en Ourense reuniuse a comisión provincial de coordinación policial de loita contra os incendios forestais para a campaña de verán de 2021

Xunta, Estado e administración local coordínanse na loita contra o lume

O obxectivo desta reunión, que se celebra todos os anos ao comezo da campaña, é o deseño de actuacións conxuntas entre Xunta, Goberno central e Administración local en materia de prevención e loita contra os lumes forestais

O delegado territorial tamén se referiu ao Estudo Técnico para a identificación e delimitación de unidades territoriais de acordo coa metodoloxía da aplicación do índice de perigo de incendios na provincia de Ourense, para o que se analizou, en cuadrículas de 500 metros de lado, a distribución do índice de perigo de incendios forestais nos últimos 10 anos
 

Ourense, 23 de xuño de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na constitución da Comisión Provincial de Coordinación Policial de Loita contra os Incendios Forestais para a campaña deste ano 2021 que estará operativa desde o 1 de xullo ata o próximo 30 de setembro, período establecido como época de alto risco de incendios forestais. O obxectivo desta reunión é o deseño de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delituosa incendiaria

Na reunión tamén participaron membros da Xefatura Territorial de Medio Rural, representantes da Subdelegación do Goberno, da Deputación Provincial, da FEGAMP, e responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil.

No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, así como a competencia que terá cada un deles a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2021. Ademais avaliáronse os plans operativos na provincia e coincidiuse en levar a cabo unha actuación que cubra todas as frontes necesarias: detección, disuasión, investigación e extinción..

O delegado territorial fixo fincapé na importancia da coordinación nesta materia e subliñou que a Xefatura territorial da Consellería de Medio Rural celebra comités policiais cada tres semanas para o seguimento das accións conxuntas en materia de prevención e loita contra os lumes.

O representante do Goberno galego tamén se referiu á creación dunha Unidade de investigación de incendios forestais (UIFO), que estará formada por 15 membros da Escala de Axentes Ambientais e que dependerá do director xeral de Defensa do Monte. Será unha unidade desvinculada dos labores de extinción, polo que poderá centrarse especificamente na investigación.

Así mesmo, o delegado territorial tamén se referiu ao Estudo Técnico para a identificación e delimitación de unidades territoriais de acordo coa metodoloxía da aplicación do índice de perigo de incendios na provincia de Ourense, para o que se analizou, en cuadrículas de 500 metros de lado, a distribución do índice de perigo de incendios forestais nos últimos 10 anos. Este índice de perigo integra, á súa vez, os índices de frecuencia, de gravidade e de causalidade, de acordo coa metodoloxía do Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na comunidade autónoma de Galicia (Peifoga) 2015.

Gabriel Alén e os representantes das outras administracións subliñaron a importancia de manter a coordinación entre as distintas administracións nas actuacións que se levarán a cabo nesta materia co fin de conseguir un cambio de comportamento social para reducir os danos medioambientais producidos polos lumes forestais. Ademais, apelaron á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e denuncien calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento.


Pladiga 2021


Gabriel Alén explicou que a Consellería de Medio Rural blinda nos aspectos esenciais o dispositivo de loita contra incendios. O delegado territorial indicou que o dispositivo de loita contra incendios previsto este ano na provincia ourensá é similar, en liñas xerais, ao do pasado exercicio en canto a número de efectivos. Así, este dispositivo estará formado polas brigadas autonómicas e municipais, os parques de bombeiros, os grupos de urxencia supramunicipal (GES). A estes medios hai que engadir a Unidade Militar de Urxencias (UME), os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, e membros dos equipos de investigación, “sempre baixo o mando único da Xunta de Galicia”, sentenciou.


A provincia de Ourense, conta con 1.736 efectivos, dos cales 890 son persoal de medios propios da Consellería de Medio Rural, 59 do Estado e 787 de Concellos, Parques Comarcais e Municipais. En canto aos medios materiais Aéreos (Avións de carga en terra, Helicópteros de tipo medio e lixeiro), Ourense dispón de 12 efectivos, 8 da Xunta e 4 do Estado; e de medios terrestres (Motobombas, maquinaria pesada, cisterna) a provincia conta con 101 efectivos, 52 da Xunta e 49 de Concellos, Parques Comarcais e Municipais.

As principais novidades deste Plan para 2021 teñen que ver coa ampliación a 3 anos da duración do convenio entre Medio Rural e as entidades locais para a súa participación na prevención e defensa contra os lumes e pola creación e regulación da figura das agrupacións de defensa contra incendios forestais. Trátase de promover as organizacións de voluntarios e as asociacións relacionadas co medio rural e o medio forestal e o seu implicación na defensa contra os incendios.

No Pladiga 2021 mantense o operativo humano de prevención e extinción, composto por uns 5.700 efectivos da Xunta na tempada de alto risco de lumes, reforzados por persoal do Ministerio do Interior, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un dispositivo de máis de 7.000 efectivos. Ademais, contarase con medios aéreos e motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural