O Rexistro de Bibliotecas da Xunta de Galicia incorpora máis de 23.000 novos títulos dos centros bibliotecarios de Cenlle, Exponav e a Fundación Granell

O Goberno galego vén de autorizar a súa inscrición tras recibir a petición por parte das propias entidades e comprobar que cumpren os requisitos recollidos na normativa

Este é un paso imprescindible para integrarse na Rede de Bibliotecas de Galicia no futuro

Destacan os fondos dedicados ao legado de artistas como Eugenio Granell ou Philip West ou o patrimonio relativo á construción naval española

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

O Rexistro de Bibliotecas da Xunta de Galicia vén de incorporar máis de 23.000 novos títulos dos centros bibliotecarios de Cenlle, Exponav e a Fundación Granell. Así se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia onde se recolle que o Goberno galego vén de autorizar a súa inscrición tras recibir a petición por parte das propias entidades e comprobar que cumpren os requisitos recollidos na normativa autonómica en materia de bibliotecas.
Así, con esta resolución, pasan a formar parte do Rexistro autonómico máis de 23.000 títulos entre os que se atopan volumes do arquivo persoal de Eugenio Granell que o artista foi recompilando ao longo da súa vida, o legado bibliográfico de Philip West e unha ampla bibliografía sobre a construción naval española. Cómpre destacar que a súa inscrición no rexistro non supón a integración na Rede de Bibliotecas de Galicia, pero si é un requisito imprescindible para pertencer a ela no futuro.

Volumes especializados

Entre os tres centros que se incorporan a este rexistro autonómico destaca o caso da Biblioteca da Fundación Eugenio Granell que divide o seu fondo en tres coleccións: un dedicado ao propio Eugenio Granell, outro especializado na figura do artista Philip West e un último que custodia os fondos do museo

A primeira das coleccións, centrada en Eugenio Granell, é un fondo de máis de 15.000 volumes que o artista foi recompilando ao longo da súa vida e que constitúe unha peza clave no estudo da súa personalidade. Ademais da temática lóxica sobre o surrealismo e correntes artísticas, destaca unha importante cantidade de libros dedicados á Guerra Civil ou a literatura. Son exemplares que contan, en moitos casos, con dedicatorias dos propios autores.

O segundo, sobre o artista, Philip West, pola súa banda, está composto por máis de 750 documentos de gran importancia debido a súa singularidade e que a maioría están editados en países como Francia, Estados Unidos ou Reino Unido. Por último, a colección dedicada ao museo custodia os fondos procedentes de doazóns e intercambios con exemplares especializados en arte, literatura ou fotografía.

Historia da construción naval

A biblioteca da Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas (Exponav), pola súa banda, organiza e custodia o patrimonio relativo á construción naval española desde o século XVIII ata a actualidade. Trátase dunha ampla colección na que destacan monografías, publicacións periódicas nacionais e estranxeiras, manuais, documentación e catálogos. Un total de 3200 títulos e máis de 4000 números datados entre 1751 e o ano 2019.

Completa esta nova inscrición no Rexistro de Bibliotecas da Xunta de Galicia a Biblioteca Municipal de Cenlle, unha dotación de nova creación que conta cun lote fundacional composto por 1.500 libros entregados por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Imaxes relacionadas