A Xunta recibe 14 ofertas para o mantemento da autovía Dozón-Ourense nos vindeiros 4 anos, cun investimento de máis de 7,6 M€

O servizo inclúe as tarefas de conservación e de vialidade invernal no tronco da AG-53, no ramal ao Carballiño (AG-54) e en todos os ramais de enlace, camiños de servizo e cruces

Os traballos a realizar polo adxudicatario recollen tarefas de vialidade destinadas a facilitar a circulación dos vehículos nesta vía en condicións axeitadas de seguridade e fluidez

A adxudicataria tamén deberá realizar as actividades de conservación extraordinaria para pór en situación inicial as características dos elementos da estrada ou mellorar os estándares iniciais

O contrato súmase aos impulsados pola Xunta para asegurar a conservación e a vialidade invernal na rede autonómica de estradas convencionais durante os vindeiros 4 anos, recentemente licitados por importe de máis de 130 M€

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

A Xunta recibiu 14 ofertas para levar a cabo o contrato de conservación e mantemento da autovía Dozón-Ourense (AG-53) e do seu ramal cara ao Carballiño (AG-54) para os vindeiros 4 anos, que suporán un investimento autonómico de máis de 7,6 millóns de euros.
Este servizo inclúe as tarefas de conservación ordinaria e de vialidade invernal nestas vías de alta capacidade de titularidade autonómica.
As actuacións obxecto deste programa levaranse a cabo no tronco da AG-53, no ramal cara ao Carballiño (AG-54) e en todos os ramais de enlace e camiños de servizo e cruces coas citadas infraestruturas.
As actividades desenvolveranse tendo como base o centro de control e explotación existente no enlace coa estrada OU-504 en Cea, á altura do punto quilométrico 73,2 da AG-53.
Os traballos que debe realizar o adxudicatario prevén tarefas de vialidade destinadas a facilitar a circulación dos vehículos nestas vías en condicións axeitadas de seguridade e fluidez.
O contrato tamén abrangue as actividades de conservación ordinaria dirixidas a manter en boas condicións as características funcionais ou estruturais dos elementos da estrada e a corrixir os impactos negativos que poidan dificultar a correcta realización da súa función.
Ademais, a empresa adxudicataria deberá realizar as actividades de conservación extraordinaria destinadas a pór en situación inicial as características dos elementos da estrada, ou no seu caso, a mellorar os estándares iniciais.
Este contrato súmase aos impulsados pola Xunta para asegurar a conservación e a vialidade invernal na rede autonómica de estradas convencionais durante os vindeiros 4 anos, recentemente licitados por importe de máis de 130 M€.