O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe no primeiro Foro da Competitividade do Noroeste celebrado na Coruña

A Xunta defende que o Noroeste ten os recursos, a capacidade instalada e o coñecemento para desenvolver proxectos de referencia na materia de dixitalización e sustentabilidade

Conde destaca a importancia da colaboración público-privada como mellor fórmula para aproveitar os fondos Next Generation, identificando oportunidades e marcando obxectivos conxuntos

Precisa que o Goberno central debe primar a igualdade e a cohesión territorial no reparto destes fondos europeos para garantir a igualdade de oportunidades entre comunidades

Remarca que a competitividade do Noroeste depende do compromiso do Goberno por establecer un marco eléctrico competitivo, por impulsar o Corredor Atlántico e por traballar desde o diálogo no futuro da eólica mariña
 

A Coruña, 23 de xuño de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu hoxe que o Noroeste ten os recursos, a capacidade instalada e o coñecemento necesarios para desenvolver proxectos de referencia no eido da dixitalización e a sustentabilidade, e tendo como aliados aos fondos europeos Next Generation e á colaboración público-privada.

Así o manifestou na Coruña durante o primeiro Foro de Competitividade do Noroeste, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD), onde fixo referencia ao papel proactivo que deben desenvolver as administracións na recuperación económica como impulsoras da transformación do tecido produtivo. “Creo que esta é unha oportunidade para poñer en común proxectos e, sobre todo, visións compartidas de como a través da colaboración entre as propias comunidades autónomas podemos impulsar iniciativas que poidan fortalecer o noso tecido produtivo e atraer novos investimentos”, destacou.

Neste sentido, apuntou ás oportunidades que van supoñer os fondos europeos –aos que Galicia concorre cunha candidatura que recolle 355 proxectos que alcanzan un investimento de 20.000M€– para a reactivación económica de Galicia, en xeral, e para a competitividade do arco atlántico en particular, polo que instou ao Goberno central a primar a igualdade e a cohesión social e territorial no seu reparto, garantindo a igualdade de oportunidades das comunidades autónomas.

“Os fondos deben ser unha oportunidade para fortalecer o tecido industrial e impulsar proxectos xeradores de emprego e que axuden a transformar o noso tecido produtivo. Nese sentido, é certo que hai unha inquedanza compartida entre as comunidades sobre cales van ser os criterios que vai aplicar o Goberno para repartir eses fondos europeos, polo que esperamos que traslade transparencia e, sobre todo, igualdade de oportunidades”, asegurou.

Francisco Conde tamén indicou a importancia da iniciativa privada para identificar oportunidades e marcar obxectivos xunto á Administración no marco dos Next Generation, asegurando que a colaboración público-privada é a que permitirá executar de forma eficiente eses fondos mobilizando investimentos produtivos e facendo que as empresas tractoras impulsen ao groso do tecido produtivo galego, as pemes.

O vicepresidente económico tamén puxo de manifesto que a competitividade do Noroeste pasa por que o Goberno desbloquee a situación que vive nestes momentos a industria hiperelectrointensiva galega, con empresas como Alcoa e Alu Ibérica, así como por que estableza un marco eléctrico competitivo que poña fin ao desfase de prezos con respecto a outros países europeos. Conde tamén requiriu do Executivo central un compromiso firme co Corredor Atlántico para ampliar as capacidades loxísticas dos sectores industriais do país e demandou diálogo coas comunidades sobre o futuro da eólica mariña.

Imaxes relacionadas