A Xunta recibe 14 ofertas para actualizar o proxecto que completará a Rolda Leste de Lugo, licitado por preto de 200.000 euros

Das ofertas presentadas, 3 están conformadas por UTE, englobando un total de 17 empresas

Trátase de culminar o cinto de circunvalación previsto entre a N-VI e a N-640, que restará tráfico ás rúas da cidade, mellorará a mobilidade e favorecerá, especialmente, a accesibilidade cara ao hospital Lucus Augusti

Os traballos inclúen a realización dun estudo inicial das necesidades de actualización, tanto normativas como de trazado

Estímase un prazo de execución de 20 meses para as distintas fases dos traballos, coa previsión de que o documento inicial sexa sometido a información pública en sete meses
 

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 14 ofertas para actualizar o proxecto que completará a Rolda Leste de Lugo.

Das 14 ofertas presentadas, 3 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 17 empresas.

O contrato de redacción do proxecto, licitado por preto 200.000 euros, retoma esta actuación para poder completar o cinto de circunvalación previsto entre a N-VI e a N-640, en Lugo.

Os traballos inclúen a realización dun estudo inicial das necesidades de actualización, tanto normativas como de trazado. A programación das tarefas, una vez adxudicado o contrato, prevé que o documento o poida ser sometido a información pública nun período de sete meses.

No seu conxunto, estímase un prazo de execución de 20 meses para as distintas fases, incluído o período de información pública, presentación de alegacións, informes preceptivos doutras administracións e redacción final do proxecto construtivo.

O novo tramo terá unha lonxitude aproximada de 2,8 quilómetros, que discorrerán entre a estrada autonómica LU-530 -ata onde chega o treito xa executado- e a N-VI, no entorno da conexión coa avenida de Madrid. Estímase que terá unha intensidade media diaria de máis de 16.000 vehículos ao día.

Deste xeito, a infraestrutura restará tráfico das rúas da cidade, mellorará a mobilidade e favorecerá especialmente a accesibilidade cara ao hospital Lucus Augusti. Actualmente, pódese realizar o percorrido desde a N-VI ata o centro hospitalario polo casco urbano ou pola autovía A-6, pero ambos os dous esixen un desprazamento maior.

A Rolda Leste ten un treito en servizo de 2,41 quilómetros, entre a N-640 e a LU-530, cunha intensidade de tráfico entre 6.000 e 8.400 vehículos ao día.