A Xunta vén de tramitar o pagamento anticipado da anualidade 2021 das axudas do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural concedeu o pagamento anticipado do 50 % das axudas a 180 concellos por un importe total de máis de 4 millóns de euros

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de tramitar o pagamento anticipado da anualidade correspondente a 2021 das axudas do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. Así, un total de 180 concellos poderán beneficiarse do anticipo do 50% do orzamento previsto para este ano, xa que estas achegas son bianuais (2021-2022).

As achegas deste programa están destinadas aos concellos de toda Galicia que pretenden acondicionar as infraestruturas rurais, co fin de xerar cohesión social e territorial e mellorar as condicións de vida e traballo no medio rural. En concreto, búscase facilitar a accesibilidade e vertebración do territorio rural e contribuír ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.

Os pagamentos anticipados foron solicitados ata o de agora por 41 concellos da provincia da Coruña, por importe duns 983.000 euros; por 41 de Lugo, cunha achega de 1.068.000 euros; por 64 de Ourense, cunha contía de 1.180.000 euros e 34 municipios de Pontevedra, por importe de case 830.000 euros.

Mediante esta medida, recollida nas bases para a concesión das axudas, dáse resposta ás solicitudes dos concellos para dispor do financiamento necesario para levar a cabo as accións inherentes á subvención e que posteriormente serán xustificadas polo concello. O resto dos municipios que teñen aprobada a achega do Plan Marco 2021-2022 teñen de prazo ata o vindeiro 1 de agosto para solicitar o anticipo correspondente a anualidade deste ano.